LIGA DA COSTA, (16ª Xda) : “A Liga da Costa aprétase tras unha xornada de goles e movementos na zona alta”.

LIGA DA COSTA
16ª xornada 
Domingo 25/01/2026

Cabana SD 5-0 CF Porteño

SCD Malpica 1-1 Ponteceso SD

Outes FC 2-1 CD Baio

UD Corcubión 4-2 CF Mazaricos

Sporting Zas 1-1 SD San Lorenzo

CF Corme 5-3 Xallas FC

Soneira SD 3-0 CD Muros

SD Sofán ” B” 1-1 UD Monte Louro

 

 

Pon un problema de saude que me impide estar fronte a unha pantalla hoxe os comentarios van os que me chegaron e a crónica máis escueta.

Xornada de movementos na parte alta e goleadas con mensaxe

A 16ª xornada da Liga da Costa deixou unha mestura de resultados contundentes e empates que axustan aínda máis a loita polos postos de privilexio, nunha competición na que cada punto comeza a ter un peso decisivo, tanto na pelexa polo ascenso como na zona baixa.

O gran golpe da xornada deuno o Cabana, que pasou por enriba do Porteño cun contundente 5-0. Os cabaneses confirman o seu bo momento e dan un salto importante na clasificación, mentres que o Porteño perde forza tras caer con claridade ante un rival direto ola loita pola promoción.

O líder, o San Lorenzo, non pasou do empate en Zas (1-1) nun encontro moi disputado, resultado que permite aos de arriba achegarse lixeiramente, aínda que os de Verdillo seguen mandando na táboa. Tamén repartiron puntos Malpica e Ponteceso (1-1), nun duelo igualado que mantén aos malpicáns en postos de promoción pero que sabe a pouco vendo o empate do lider.

O Outes asinou unha vitoria de moito mérito ante o Baio (2-1), superando a un rival directo e consolidándose na zona media-alta. Pola súa banda, o Corcubión fixo valer o factor campo para derrotar ao Mazaricos (4-2), colista por golaveraxe co Louro.

Festival ofensivo en Corme, onde o Corme CF superou ao Xallas FC por 5-3 nun partido tolo e cheo de alternativas. A derrota non lle impide ao Xallas manterse nos postos altos, pero perde unha boa oportunidade de meter presión ao líder e de superar o segundo. Finalmente, o Soneira sumou tres puntos importantes diante do Muros (3-0), collendo aire na clasificación ante un rival direto por evitar o descenso.

CRÓNICAS

Sporting Zas 1-1 SD San Lorenzo

Rubén Forján, (adestrador do Sporting Zas) :

“O Sporting Zas asinou un empate de mérito en San Andrés fronte ao San Lorenzo de Verdillo, líder da categoría e, probablemente, o rival máis completo que pasou ata o momento por San Andrés. Un encontro moi disputado, con moita tensión competitiva e no que ambos os equipos deixaron claro por que están a pelexar polos seus obxectivos nunha liga tremendamente igualada.

Os primeiros minutos foron de tanteo, con dous conxuntos tratando de facerse co control do balón, pero sen concesións. O San Lorenzo avisou primeiro a balón parado, acumulando chegadas a través de faltas laterais e saques de esquina, demostrando de novo o seu oficio nese tipo de accións. Pola súa banda, o Zas buscaba enlazar por dentro para conectar cos xogadores de ataque, aínda que lle custaba atopar presenza real na área dos de Verdillo.

O partido mudou arredor da primeira media hora coa expulsión dun dianteiro, circunstancia que lle deu ao Zas máis aire na saída, ao non sufrir tanta presión na primeira liña. Nese tramo chegaría a ocasión máis clara do primeiro tempo para os locais, cunha volea de Salah que se marchou fóra por moi pouco. Con todo, cando parecía que o descanso estaba preto, unha mala saída de balón provocou un roubo en campo contrario que o San Lorenzo aproveitou para adiantarse no marcador, levando vantaxe ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Zas saíu decidido a polo encontro. Nos primeiros minutos tivo outra oportunidade clara, nun centro de Redondo que Salah estivo a piques de conectar co porteiro xa vencido. O equipo local insistiu, sobre todo polos carrís exteriores, e atopou o premio nun novo centro que rematou Chiki para facer o empate e levantar á bancada”.

Co 1-1, o Zas gañou enerxía e tratou de dar un paso máis para buscar o segundo tanto, mentres o San Lorenzo pechaba filas e intentaba facer dano á contra, apoiándose tamén nas accións a balón parado, onde volveu xerar perigo con córners e faltas. Porén, nin un nin outro conseguiron ese gol definitivo e o marcador xa non se moveu.

Goles : 0-1, Diego, (41´); 1-1, Iago, (64´).

.

UD Corcubión 4-2 CF Mazaricos

Isidro Trillo, (adestrador do UD Corcubión) : 

“Partido bastante igualado ata os 15 minutos da segunda parte. Unha primeira parte equilibrada, con poucas ocasións por parte de ambos os equipos. No minuto 9 da primeira parte, un rexeite de Iago colleuno César e, con moita tranquilidade, marcou á saída do porteiro para facer o 1-0. Tivemos algunhas ocasións máis, pero sen moito perigo, e no minuto 25 unha falta empataría o número 7 cun cabezazo, co que se chegaría ao descanso.

Na segunda parte, no minuto 10, marcaría Mario tras un pase de Luis, que deixaría a Mario man a man co porteiro, superándoo por arriba para facer o 2-1. De aí ata o final fomos superiores; eles baixaron moito e nós controlamos o partido. Chegaría o 3-1, de novo por medio de César, a pase de Mario, e pouco despois, dous minutos máis tarde, fariamos o 4-1 por medio de Mario. Xa co partido decidido, baixamos un pouco o ritmo e, xa sen tempo para máis, chegaría o 4-2 definitivo. Merecido triunfo do Corcubión, que puxo fin á mala racha”.

Goles : 1-0 César Lojo, (7´); 1-1, Marcos, (26´); 2-1, Mario, (57´); 3-1. César Lojo, (80´); 4-1, Mario, (82´); 3-2, Raúl, (100´).

Clasificación

1º San Lorenzo : 33
2º Malpica : 29
3º Xallas : 29
4º Cabana : 26
5º Outes : 25
6º Ponteceso : 25
7º Porteño : 24
8º Baio : 24
9º Corcubión : 22
10º Corme : 22
11º Soneira : 19
12º Sofán B : 18
13º Muros : 18
14º Zas : 16
15º Monte Louro : 14
16º Mazaricos : 14

.

.
LIGA DA COSTA
17ª xornada 
Domingo 01/02/2026

UD Monte Louro  Cabana SD, as 16:30

CF Porteño – SCD Malpica, as 17:00

Outes FC – Ponteceso SD, as 17:00

CD Baio – UD Corcubión, as 16:30

CF Mazaricos  Sporting Zas, as 17:00

SD San Lorenzo – CF Corme, as 17:00

Xallas FC  CD Muros, as 17:00

Soneira SD SD Sofán ” B”, as 18:15

AVISO : Os horarios son oficiosos, non son os oficiais.

.

-Fotos : Prensa Sporting Zas

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Comentarios : Propios e baixo a responsabilidade dos adestradores.