Muxía dinamiza a vida cultural coa presentación de seis libros ao abeiro da iniciativa Lendo Lendas
A iniciativa arranca o 6 de decembro ás 19:00 horas coa presentación do libro de Xesús Búa, Homes e Mulleres de Sal e Ferro, no Edificio de Servizos Múltiples.
O Concello de Muxía anuncia o lanzamento do programa cultural Lendo Lendas, que converterá o municipio no escenario de presentación de seis obras literarias.
Este proxecto, implementado por primeira vez en Muxía, desenvolverase durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro, coa finalidade de fomentar a lectura entre persoas de todas as idades e dinamizar a vida cultural da localidade.
As presentacións terán lugar en diferentes espazos públicos, adaptándose ás necesidades técnicas de cada actividade. A maior parte dos eventos celebraranse na biblioteca municipal, co obxectivo de potenciar este espazo como un centro de encontro cultural e de creación.
O fotógrafo Xesús Búa inaugurará o ciclo o 6 de decembro ás 19:00 horas no Edificio de Servizos Múltiples, onde presentará a súa obra Homes e Mulleres de Sal e Ferro. Este compendio fotográfico rende homenaxe á valentía das percebeiras que loitan contra a forza do mar.
O alcalde, Javier Sar, sinala que coa iniciativa “buscamos fomentar o consumo cultural, promovendo que a nosa veciñanza poida ser pertícipe dos procesos creativos de autoras e autores de diferentes xéneros e disciplinas”
A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou que esta iniciativa busca posicionar Muxía como un referente cultural na comarca. “Queremos que os espazos públicos se convertan en sementes de creación e intercambio cultural, reforzando a identidade cultural do municipio”, indicou.
-Foto e texto : Prensa Concello de Muxía