“LAMBENDO A VIQUEIRA”
Cada semana Rubén García, redactor do DXT Campeón, gran coñecido no fútbol afeccionado no que xogou en equipos coma o Laracha, Cerceda, Atlético Arteixo, CF Dumbría, Calasánz, Conxo e agora no SD Camelle, e como adestrador no Atlético Arteixo, Cerceda, ou CD Boiro, traeranos cada semana a sua visión do encontro do Depor para pasar “LAMBENDO A VIQUEIRA”, sacando virutas do acontecido.
-Pegada, conformismo e reacción-
O que faltou en moitos partidos da pretempada -o gol- chegou a Riazor na primeira xornada de liga, na que o Deportivo lle marcou tres ao Real Oviedo. Encarrilou o encontro o equipo de Anquela (un 2-0 case sempre lle chega para gañar ao que xoga como local), pero unha segunda parte de conformismo obrigou ao Dépor a inventar unha reacción. Foi Christian Santos o que confirmou que o equipo pode ter moita pegada neste curso.
Nun primeiro tempo no que Gaku foi o gran protagonista pola súa capacidade de liderar o centro do campo do Deportivo na fase ofensiva -bo pase, boa conducción, boa visión de xogo e bo cambio de ritmo- o Dépor amosou pegada. Koné foi un incordio para os centrais do Oviedo e, minutos despois de que lle fixeran un penalti non sinalado polo ímpetu do marfileño, atopou o premio do gol. Con 1-0 e o partido controlado chegou o descanso.
Na segunda parte, a actitude e a intensidade do conxunto branquiazul non foi a mesma que na primeira. Aínda así, Aketxe, ao que lle custou ubicarse no campo, brillou na súa mellor faceta: o golpeo a porta. Sen sequera controlar o balón soltou un zurdazo imparable (2-0) para Alfonso Herrero.
En menos dez minutos, o Deportivo perdeu a vantaxe. Eran minutos de conformismo, tal vez de cansancio por tratarse da primeira xornada de liga, pero os tres puntos perigaron demasiado. Primeiro foi Somma o que bateu (2-1) a Dani en propia porta e despois Obeng (2-2) o que cabeceou ao fondo das mallas ante a pasividade dos centrais coruñeses.
O Dépor necesitaba unha dose máis de pegada, esa mesma que lle permitira coller unha vantaxe de 2-0. Christian Santos, que non pisou o terreo de xogo ata o minuto 85, foi o autor dunha obra de arte, tanto polo control con forma de chapeu, como polo remate de auténtico ‘killer’.
Non foi un santo, foi Christian Santos o que lle deu os tres primeiros puntos a un Deportivo con moita pegada en ataque e con dúbidas na parcela defensiva.
-Autor : Rubén García
++++
Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.
Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es