JUAN CARLOS ESCOTET FALA DAS OBRAS QUE QUER FACER O CLUBE NO ESTADIO E DA SITUACIÓN CO CONCELLO DA CORUÑA.

Nunha conversa cos medios oficiais do RC Deportivo, o presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez abordou temas clave da actualidade do club e confirmou que se está a traballar a fondo en dous proxectos de grande valor simbólico e estratéxico: o Museo do Dépor e a reforma da Torre de Marathón. Segundo indicou, trátase de iniciativas pensadas tanto para a cidade coma para a afección, que reforzan a ligazón da entidade con A Coruña e con Galicia.

Escotet explicou que o obxectivo é crear espazos que funcionen como símbolo de memoria e de orgullo compartido, capaces de preservar e transmitir a historia deportivista ás xeracións vindeiras. Subliñou ademais que o museo non será un simple escaparate de trofeos, senón un lugar con valor didáctico e inspirador, no que a xente nova poida comprender a importancia do esforzo, a superación e o sentimento de pertenza. “Non hai nada máis fermoso ca ver ás familias lembrando xuntas o que significa este club”, apuntou.

Sobre a situación das obras, o presidente precisou que xa están completadas nun 70% e que toda a documentación está dispoñible para o Concello. Tamén remarcou a vontade de manter unha colaboración fluída coas institucións municipais, lembrando que a apertura do museo é unha débeda coa masa social e que sería desexable que se facilitase a súa inauguración canto antes.

En relación co Mundial 2030, Escotet reiterou o apoio a todo o que supoña un beneficio para A Coruña, pero advertiu que o Dépor non pode poñer en risco o seu equilibrio económico. Lembrou que a propiedade xa investiu máis de 100 millóns de euros nos dous últimos anos, e que duplicar a capacidade de ABANCA-RIAZOR suporía un gasto desmesurado, tendo en conta ademais que existen outras necesidades sociais prioritarias.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto e vídeo : RC Deportivo