José Sar Vilela, coñecido futbolisticamente como “Congui” (Muxía, 15 de novembro de 1988), dá un novo paso na súa traxectoria deportiva e comeza unha nova etapa nos bancos ao facerse cargo do Inter de Brens, equipo que milita na 3ª da Costa, (Terceira Futgal), e que foi fundado a pasada tempada.
Tras colgar as botas ao remate da última campaña, na que recibiu unha merecida homenaxe por parte do CF Muxía, o club da súa vida, o muxián afronta agora un novo reto como primeiro adestrador. “Congui” desenvolveu toda a súa carreira futbolística no clube da Vila da Barca, desde as categorías de base ata o equipo sénior, aínda que tamén defendeu as cores do CF Porteño, da UD Corcubión e do Camariñas FC.
A súa vinculación cos bancos non é nova. Durante anos traballou como adestrador na base do CF Muxía e foi tamén o primeiro técnico da historia do CF Muxía Feminino, proxecto no que estivo acompañado por Isma Pose, quen asumiría o cargo de primeiro adestrador na tempada seguinte tras a súa marcha.
Agora, ao fronte do Inter de Brens, “Congui” terá a oportunidade de seguir medrando na súa faceta como técnico nun club novo e en plena evolución. O propio adestrador móstrase ilusionado con esta oportunidade: “Agora afronto un novo reto. Quero traballar para intentar que sexa un equipo competitivo”, sinala o muxián, consciente de que terá por diante o desafío de continuar construíndo un proxecto con futuro.
Unha nova pedra de toque para un home de fútbol que seguirá ligado aos terreos de xogo, esta vez desde a área técnica.
–
AVISO IMPORTANTE
“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os orgañizadors, clubes, afeccionados, socios, etc…nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos, para evitar o de que se poñemos uns e outros non.
Podedes mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”