José de la Sierra xunto co seu irmán Basti continuarán á fronte do Soneira SD na Liga da Costa

Dous homes da casa para liderar un proxecto ilusionante

O Soneira SD xa ten definida unha das pezas fundamentais do seu proxecto para a vindeira tempada. José de la Sierra continuará como adestrador do primeiro equipo da Liga da Costa, mantendo ao seu carón ao seu irmán “Basti” de la Sierra, formando un tándem técnico que xa demostrou o seu compromiso e a súa capacidade nos momentos máis delicados do curso pasado.

Os irmáns de la Sierra asumiron as rendas do primeiro equipo nos dous derradeiros encontros da competición, nun momento no que a permanencia estaba en serio perigo. O obxectivo era claro: “evitar o descenso á 3ª da Costa”. E conseguírono, a tenor dos arrastres que había puxérase moi caro o obxetivo. Agora, co respaldo da directiva e a ilusión intacta, seguirán liderando un proxecto que coñecen mellor ca ninguén.

“Evidentemente, sempre estivemos vinculados ao Soneira como xogadores e, dende a recente creación das escolas por parte do clube, xa como adestradores”, explica José de la Sierra. A súa traxectoria dentro da entidade é ampla e variada. Basti adestrou durante dúas campañas ao equipo cadete e unha ao benxamín, mentres que José exerceu nos dous últimos anos como coordinador da base e adestrou en categorías biberón, prebenxamín e xuvenil.

Antes da súa etapa actual, José tamén acumulou experiencia nas Escolas Deportivas de Vimianzo, no UC Cee e no Bergantiños CF. “Incluso, xa fai uns cantos anos, fun adestrador de meu irmán cando el era cadete e chegamos a disputar unha fase de ascenso á Liga Galega”, lembra entre risas.

Sobre a súa chegada ao primeiro equipo, recoñece que todo foi bastante natural. “Este ano, rematando xa a tempada, propúxosenos coller o equipo e tentar conseguir o obxectivo nese momento, que era seguir na Liga da Costa. Aceptamos e pouco máis. Non ten moita máis historia”, di con humildade.

A boa sintonía coa directiva facilitou tamén a continuidade. “A partir de aí comunicáronnos a intención de seguir de cara á tempada seguinte e tampouco o pensamos demasiado nin houbo moito que falar para acordar continuar”.

Os técnicos ven moitas posibilidades nun cadro de xogadores que mestura experiencia e xuventude. “Consideramos que hai un grupo fantástico, cunha mestura entre xente importante da casa que xa leva moito tempo no clube, xogadores que chegaron estes anos para quedarse e que xa son da familia, e unha serie de xuvenís de moi bo nivel que ademais coñecemos mellor ca ninguén”.

Precisamente a canteira é unha das grandes fortalezas do club e tamén unha das grandes paixóns dos irmáns de la Sierra. Ambos continúan moi implicados no traballo de formación. No caso do xuvenil, os resultados avalan o seu labor. “O ano pasado gañamos a liga. Este ano volvemos quedar primeiros no noso grupo, aínda que na fase final rematamos cuartos”, apunta José.

De cara á confección do plantel, a mensaxe é clara: poucas incorporacións pero moi meditadas. “Non hai moito que reforzar. Será pouco, pero ben. Quen veña será xente na que cremos de verdade e xente que non dubide en subirse ao barco. Confiamos no proceso e no proxecto. Imos da man do clube en relación ao que queremos e, non menos importante, somos moi do Soneira”.

En canto aos obxectivos, os dous técnicos apostan por unha filosofía baseada no traballo e no disfrute. “A nosa intención é desfrutar, porque ao final debe ser o fin á hora de xogar ao fútbol. Que desfruten os xogadores en cada adestramento e en cada encontro, que desfrute a xente que vén ao campo, que desfrutemos todos. E a mellor forma de facelo é traballando moito e ben para que isto despois poida ser así. Logo o compromiso, a ilusión e a ambición deben ser palabras clave”.

Coa permanencia asegurada e a continuidade confirmada, o Soneira SD aposta por dous auténticos homes da casa para seguir construíndo un proxecto que mira ao futuro sen perder de vista as súas raíces.

Aviso

“Como cada ano en época estival só poñeremos as fichaxes, torneos, amistosos, etc, que nos manden desde os clubs, afeccionados, ou colaboradores”.

.

-Fotos : José de la Sierra

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”