O Depor continúa reforzando o seu proxecto deportivo para a tempada 2026/27 coa incorporación de Jonathan Asp Jensen, que se converte na quista fichaxe do conxunto branquiazul neste mercado estival, tralos enroles de Teun Gijselhart, Leo Román, Bright Ede e Lorenzo Amatucci.
O centrocampista ofensivo danés, nacido en Gauerslund o 14 de xaneiro de 2006, asinou un contrato que o vincula ao club coruñés ata xuño de 2031. A sua chegada era un segredo a voces, había interese doutros grandes equipos de italia e Inglaterra, polo que se e3staba a espera da confirmación. É un xogador que se move polo extremo esquerdo e a media punta pero que tamén pode actuar na banda dereita.
Asp Jensen chega procedente do Bayern de Múnich, un dos clubes máis prestixiosos do fútbol europeo, onde completou boa parte da súa formación. O futbolista chegou incluso a debutar co primeiro equipo bávaro na Bundesliga, facendo a súa estrea na máxima categoría alemana o 12 de maio de 2024 nun encontro fronte ao VfL Wolfsburgo.
A súa progresión deu un salto importante durante a pasada campaña, na que xogou cedido no Grasshopper Club Zürich da primeira división suíza. No conxunto helvético consolidouse como unha das promesas con maior proxección do continente, disputando un total de 40 partidos oficiais nos que asinou 9 goles e repartiu 6 asistencias, uns rexistros que evidencian a súa capacidade para influír no xogo ofensivo.
Antes da súa etapa en Suíza, o internacional danés nas categorías sub-16, sub-17 e sub-18 destacou no filial do Bayern de Múnich. Entre as tempadas 2023/24 e 2024/25 acumulou 36 encontros, con 7 goles e 13 asistencias, demostrando a súa visión de xogo, creatividade e capacidade para xerar ocasións no último terzo do campo.
O novo futbolista deportivista tamén conta con experiencia internacional en competicións europeas de formación. Durante esas dúas campañas participou en 10 encontros da UEFA Youth League co Bayern, torneo no que sumou 3 asistencias e continuou o seu proceso de crecemento nun escenario de máximo nivel.
Coa chegada de Jonathan Asp Jensen, o Depor incorpora un futbolista novo pero cunha valiosa experiencia no fútbol profesional, chamado a achegar talento, dinamismo e calidade ao centro do campo. A entidade branquiazul reforza así a súa aposta por perfís con presente e futuro para seguir construíndo un proxecto sólido e ambicioso de cara ás próximas tempadas.
–
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
–
