IVÁN CANCELA NOVO PRESIDENTE DA ESCOLA GALEGA DE ADESTRADORES.

 

Iván Cancela actualmente adestrador do SD Sofán foi elixido pola RFGF como novo Presidente da Escola Galega de Adestradores. Ademáis o tordoiés terá tamén o cargo de adestrador da Selección Galega de Afeccionados que este ano tomará de novo parte na Copa das Rexións UEFA.

Tal e como nos informan dende a RFGF : Iván Cancela Rodríguez (Anxeriz-Tordoia, 1982) é o novo presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola Galega de Adestradores, ademais de asumir o cargo, a maiores, da Selección Galega de Afeccionados que este ano tomará de novo parte na Copa das Rexións UEFA.

Residente en Cabana de Bergantiños, casado e con 3 fillos, mestre de profesión e profesor na Escola Galega de Adestradores, toma a testemuña do actual adestrador da UD Extremadura, Manuel Mosquera, coa máxima ilusión e compromiso co fútbol galego.

Iván Cancela estrearase publicamente este venres na Coruña con motivo do “Día do Adestrador” que organiza a Real Federación Galega de Fútbol no salón de actos da Facultade de Informática do campus de Elviña, un evento que contará con tres relatores de auténtico luxo como Manu Sánchez (adestrador do Deportivo Abanca feminino que vén de ascender á Liga Iberdrola), Fran Garagarza (director deportivo da SD Eibar) e Gaizka Garitano (técnico do Athletic Club de Bilbao).

Traxectoria como futbolista e adestrador

O novo presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola Galega de Adestradores vestiu as camisolas do Tordoia, Dubra, Santa Comba, Chaián e Xallas durante a súa etapa como futbolista.

Como adestrador, Iván Cancela dirixiu ao Xallas en dúas etapas, ao Zas, ao Dubra e recentemente ao Sofán, así como a Selección da Costa da Morte de modestos. 

A nosa máis cordial noraboa a Iván Cancela gran colaborador da nosa web dende fai moitos anos e un dos grandes adestrador da costa.

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo mobil, que para ordenadores temos outro formato moito máis completo ca o que che pode ofrecer un mobil polas sua dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email : admin@piratasdemuxia.es