INÉS REY : “O CSD NON PODE MIRAR PARA OUTRO LADO”.

 

A alcaldesa pediulle explicacións á presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano, sobre o procedemento deste organismo con respecto á Liga Nacional de Fútbol Profesional. Inés Rey entende que o CSD é competente para tomar decisións e pedir responsabilidades polo gravísimo caso sanitario e deportivo que ocorreu na cidade

A alcaldesa, Inés Rey, explicou esta mañá que onte mantivo unha conversa telefónica coa presidenta do Consello Superior de Deportes (CSD), Irene Lozano, na que lle pediu explicacións sobre o procedemento deste organismo con respecto á Liga Nacional de Fútbol Profesional. Inés Rey entende que o CSD é competente para tomar decisións e pedir responsabilidades polo gravísimo caso sanitario e deportivo que ocorreu na nosa cidade, aínda máis, tras coñecer polos medios de comunicación, a relación entre o presidente da Liga Nacional de Fútbol Profesional, Javier Tebas, e o equipo de fútbol do Fuenlabrada. Nesta chamada era importante, segundo a alcaldesa, coñecer a postura do CSD “con respecto á proposta de inhabilitación do presidente ao asegurar o propio Tebas que foi a persoa responsable da viaxe do equipo madrileño á cidade”. 

Por outra parte, asegurou que Lozano non lle avanzou o resultado da reunión de hoxe pola tarde e que tampouco lle ofreceu ningunha compensación para a cidade, pero anda así a alcaldesa quere aclarar que se alguén no CSD entende ou cre entender que “formulando algún tipo de actuación deportiva na cidade vai conseguir que calemos e que non deixemos de denunciar o que consideramos inxusto, quero aclarar que está errado”. 

A alcaldesa insistiu que máis aló do asunto estritamente deportivo, trátase de que non quede impune a persoa que incumpriu deliberadamente os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias, creando un risco para a saúde pública e para a sociedade: “Acaso o fútbol profesional está por encima dos demais? A quen dirixe o fútbol profesional permíteselle saltar os protocolos? Permítenlle crear un risco sanitario e non pasa nada? Non entendo como se lle impoñen restricións moi duras a sectores como a hostalaría, a cultura e ao resto de deportes e que neste caso non se esixan responsabilidades”. 

Rey manifestou que no caso de que o CSD non estea á altura das circunstancias, o Concello da Coruña seguirá loitando para que se esclarezan os feitos: “Consideramos que se produciu unha adulteración da competición e como consecuencia, do descenso de categoría. Impedíuselle ao Deportivo xogar a última xornada nas mesmas condicións que ao resto de equipos”. A alcaldesa afirmou que se vulneraron as normas que establecen que se deben xogar os partidos á mesma hora nas dúas últimas xornadas, “polo que estamos esixindo responsabilidades na xustiza ordinaria e espero que o Deportivo teña éxito nas súas reclamacións porque, insisto, é de xustiza. Eu até o de agora limiteime a falar da cuestión sanitaria, non da deportiva, pero as últimas noticias espertaron a miña preocupación e, como alcaldesa, non debo calar así como o CSD non pode mirar para outro lado”.

 

-Foto e Texto : coruna.gal

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies