Indignación no fútbol feminino da Costa pola denuncia do Milagrosa a Esteirana que pode ser descendida tras lograr a permanencia no campo.

A SCDR Esteirana enfróntase á ameaza dun posible descenso administrativo despois dunha tempada marcada polas lesións e as dificultades para completar as convocatorias

O fútbol feminino da Costa da Morte vive horas de incerteza e indignación tras coñecerse que o SCDR Esteirana que se enfrenta a unha sanción disciplinaria relacionada coa participación en varios encontros con menos de once xogadoras, unha circunstancia provocada polas numerosas baixas que sufriu o equipo ao longo da tempada.

As esteiranas lograron a permanencia na 2ª Galega Feminina G1 sobre o terreo de xogo, superando unha campaña especialmente complicada na que as lesións de longa duración, problemas físicos e outras circunstancias deixaron o cadro das Salinas en situación límite en numerosas xornadas.

Segundo nos comunican, o club recibiu unha notificación derivada dunha denuncia presentada polo Milagrosa, equipo que pelexa co Corme CF pola última praza de promoción de ascenso e que precisamente será o rival da Esteirana este Domingo na derradeira xornada.

O asunto xira arredor dun apartado do regulamento disciplinario que contempla posibles sancións para aqueles equipos que disputen cinco encontros con inferioridade numérica desde o inicio ou tres de maneira consecutiva. Entre as medidas figuran sanción económica e mesmo a perda da categoría.

A situación provocou sorpresa en boa parte do fútbol feminino costeiro, especialmente tendo en conta que o Corme xa comunicara a súa intención de renunciar a unha hipotética promoción de ascenso no caso de acadala.

Unha segunda volta para esquecer

O adestrador da Esteirana, Fran Figueroa, non ocultou a dureza da situación vivida polo equipo durante os últimos meses.

“Tivemos unha segunda volta durísima e cada vez que parecía que iamos tocar fondo, un cúmulo de despropósitos facíao máis fondo se cabe”.

O técnico lembra que as dificultades foron constantes durante toda a campaña.

“Temos dúas embarazadas, unha lesión grave de xeonllo, lesións de longa duración de todas as cores… Aínda antonte tivemos que levar a Nerea ao hospital por un corte na cabeza no encontro que xogamos e saimos dél as 3 da mañán, e o que estamos desexando acabar a tempada de pé”.

Desde a entidade consideran ademais que existen cuestións procedementais que deben ser tidas en conta.

“Fixemos unhas alegacións porque o Milagrosa o que está reclamando agora non o fixo nos primeiros encontros que xogamos con menos de once xogadoras, nos que sufrimos e saímos competir contra toda adversidade. Alegamos un defecto de tempo e de forma porque non tivemos prazo para alegar o porque de ir con menos efectivos a xogar”.

Segundo explica Figueroa, a Federación deu a razón ao Milagrosa neste punto, aínda que nós seguimos traballando para defender a nosa posición. “Isto non ten nada que ver co fútbol afeccionado”

O técnico muradán lamenta especialmente que unha situación destas poida resolverse fóra dos terreos de xogo.

“Non ten nada que ver co fútbol afeccionado, xuntarse no campo e decidir alí as cousas. Non vexo sensata esta actitude”.

Figueroa tamén quixo destacar o esforzo realizado polas súas xogadoras ao longo dunha campaña extremadamente complicada.

“Estou moi orgulloso das nosas rapazas por intentar acabar esta tempada que foi durísima”.

O adestrador asegura que o club seguirá defendendo os seus intereses.

“Imos pedir a cautelar e, co apoio dos clubs ante os que xogamos con dez, amosar que fomos competitivas, que saímos a polos encontros e que en ningún caso nos deixamos gañar. Queremos conseguilo e poder acabar a tempada mañá no terreo de xogo”.

Un destes encontros nos que se veu que competiron coma leonas temos o exemplo do Muxía-Esteirana da Copa da Costa, no que as muxianas vencían na primeira metade por 7-0, e chegouse aos derradeiros minutos cun 7-6, para rematar 8-6, e estamos a falar do equipo muxián que pode sair mañán campión de liga.

Solidariedade desde toda a Costa

A noticia xerou numerosas reaccións entre adestradores, xogadoras, directivos e afeccionados do fútbol feminino da Costa da Morte.

Recibimos moitas das mensaxes nas últimas horas e todas elas coinciden en destacar o enorme esforzo realizado pola Esteirana para rematar a competición a pesar das circunstancias adversas. As rapazas de Esteiro conseguiron manterse viva durante toda a tempada, e na segunda volta completando convocatorias como puideron e presentándose a competir cada fin de semana malia as dificultades.

A percepción maioritaria entre moitos dos integrantes do fútbol costeiro é que “a permanencia foi gañada no campo, onde a Esteirana soubo resistir unha das campañas máis complicadas que se lembran nos últimos anos e esta manobra do Milagrosa é vergoñenta e sen ter en conta a imaxe que colle o club polo que lle fai ao outro nun deporte que debería ser para unir os pobos non para separalos”.

Agora será a vía federativa a que determine o desenlace dun asunto que mantén en vilo ao club e que podería ter consecuencias importantes tanto para a entidade como para unha afección que celebra unha permanencia conquistada con esforzo, sacrificio e moita resistencia.

Mentres non exista unha resolución definitiva, na Esteirana seguen aferrándose á mesma filosofía que lles permitiu superar unha tempada chea de obstáculos e como nos di Fran Figueroa : “que nos deixen acabar a tempada e competir ata o final e defender no campo o que gañamos sobre a herba”.

.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”