Hoxe remata o prazo para apuntarse ao “I Torneo de Fútbol Praia da Praia do Lago”, que se celebrará a vindeira fin de semana.

Hoxe, 8 de xullo, é o derradeiro día para inscribirse no “I Torneo de fútbol praia – Praia do Lago”, unha cita que se celebrará esta fin de semana, 11 e 12 de xullo, na espectacular Praia do Lago, no lugar de O Lago (Muxía).

Como xa vos adiantamos en piratasdemuxia.es cando se presentou este evento, a competición chega a un dos recunchos máis fermosos e concorridos da Costa da Morte, un escenario privilexiado para gozar do deporte, da praia e do ambiente estival.

O torneo contará con categorías masculina e feminina, cunha cota de inscrición de 50 puntos por equipo, e repartirá diferentes premios entre os participantes. Ademais, a organización preparou varios sorteos grazas á colaboración do Camping Lago-Mar, onde o sábado á noite haberá petiscos para os equipos participantes. Entre os agasallos destacan dúas ceas para dúas persoas, dous brunch para desfrutar un domingo e unha camiseta do propio camping dos nosos colaboradores.

A contorna da Praia do Lago converte esta cita nun plan perfecto para pasar toda a fin de semana. A zona conta cunha gran infraestrutura turística, con restaurantes, bares e campings para tendas e caravanas, ademais de bungalows e cabanas, e as diferentes ofertas que fan os establecementos, permitindo aos asistentes combinar o deporte cunha estancia nun dos areais máis atractivos da comarca, que une monte, pinar e praia, cunha vistas espectaculares.

A organización corre a cargo do CF Muxía, coa colaboración do Concello de Muxía e do Camping Lago-Mar. As persoas interesadas aínda están a tempo de anotarse durante o día de hoxe contactando cos teléfonos 692 463 135 ou 674 872 714.

Se estabas pensando en participar, non o deixes para máis tarde: hoxe péchase o prazo de inscrición para un torneo que nace coa intención de converterse nunha das citas deportivas do verán na Costa da Morte.

-Cartel e información : A orgañización

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”