O fútbol muxián está de actualidade. O que ata hoxe eran rumores e especulacións convértese xa nunha realidade: Raúl Lema será novo xogador do Real Madrid, despois de que o club branco oficialice no día de hoxe a incorporación do talentoso dianteiro.
A nova supón unha gran decepción para o deportivismo, xa que o futbolista de Muxía era considerado unha das grandes promesas da canteira do RC Deportivo, club ao que chegou con apenas sete anos e no que foi queimando etapas a base de talento, traballo e unha progresión constante.
Raúl é un deses xogadores dos que se adoita dicir que teñen “fútbol de rúa”. A súa calidade técnica, velocidade, desborde e instinto goleador convertérono nun futbolista diferente, capaz de competir sempre en categorías superiores á súa idade. De feito, na pasada tempada xa formou parte dos equipos xuvenís do conxunto deportivista, unha mostra da confianza que existía no seu enorme potencial.
A súa evolución non pasou desapercibida. Habitual tamén nas convocatorias das seleccións galega e española, o seu nome levaba tempo nas axendas dos grandes clubs do fútbol español. Finalmente foi o Real Madrid quen logrou facerse cos seus servizos.
A normativa permite que os xogadores menores de 16 anos poidan cambiar de club dentro do territorio nacional. Neste tipo de operacións, o Real Madrid adoita realizar unha compensación económica ao club de orixe, como xa sucedeu noutras incorporacións procedentes da canteira deportivista, sendo un dos casos máis coñecidos o de Noel López.
Desde o entorno familiar do xogador confirmaron a piratasdemuxia.es que, ata o de agora, todo o publicado eran unicamente conxecturas. Desde hoxe, coa operación xa pechada, a fichaxe convértese en oficial. O Real Madrid presentou unha proposta superior o RC Deportivo e será o destino do atacante muxián. En palabras do seu pai ata o final “a idea e as gañas era de non moverse de aquí, nin Raúl, nen nós, pero non houbo acordo”.
Desde piratasdemuxia.es só queda desexarlle toda a sorte nesta nova etapa. O RC Deportivo perde por agora a un dos seus futbolistas con maior proxección, pero Muxía gaña un representante nun dos clubs máis importantes do mundo. Se as lesións o respectan e continúa coa mesma evolución demostrada ata o momento, Raúl Lema ten condicións para chegar moi lonxe no fútbol, o que é o noso maior desexo e se algún día volve para vestir a nosa, moito mellor.
–
-Foto : arquivo piratasdemuxia
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
–
