Hoxe comeza a derradeira gran romaría do verán…”A Santiña de Trasufre” que se extenderá toda a fin de semana.

Hoxe co prato forte de “El Combo Dominicano” na verbena da noite, comeza  “A Santiña de Trasufre”, a derradeira romaría do verán da Costa da Morte.

 

Cos refluxos da enorme Romaría da Barca ainda presentes, (nesta fin de semana continua a chegada de romeiros a Muxía por centos), comezan hoxe os festexos de “A Santiña de Trasufre”, a Virxe do Espiño, no lugar de Trasufre, (Muxía), e faino ca verbena desta noite para logo mañán sábado 20 de setembro ter a misa na honra de Santa Margarita a as 13:30 horas  e a sesión vermút con Las Vegas e de noite esta orquestra acompñada da Disco Movil CDC.

O Día Grande é o Domingo 21 con misa ás 09:00 e ás 13:00 horas, que será a principal a que moita xente chega andando como romeiro/a para pedir a cura de males da pel. Na seisón vermút estarán a Banda de Música de Cee e a Orquestra Alaska.

Un pouco de historia

A capela coñecida como A Santiña de Trasufe ergueuse en 1785, por iniciativa do cura Don Francisco Bretal Marino. A razón era práctica: moitos fregueses da parroquia de San Pedro de Coucieiro tiñan dificultades para asistir á misa dominical, pois debían cruzar o río Castro. Así naceu un pequeno templo ao servizo da comunidade local.

A advocación inicial foi a de Nosa Señora de Aránzazu, mais co paso do tempo a xente pasou a chamarlle Virxe do Espiño e, finalmente, quedou popularizada como A Santiña.

En 1872-79 a capela foi reformada e ampliada, adoptando unha planta en cruz latina, pouco habitual nas pequenas ermidas rurais. Na mesma época acondicionouse tamén a fonte próxima, que quedou ligada ao culto.

A construción é sinxela, de cachotaría granítica e cuberta a dúas augas, con pequena espadana no cumio. A pesar da súa modestia, conserva certo encanto rural e unha forte carga simbólica para a veciñanza.

A romaría celébrase cada ano o 21 de setembro, cun ambiente popular e relixioso que atrae tanto a devotos como a curiosos.

Un dos aspectos máis singulares é a tradición curativa da fonte da Santiña: os fieis cren que a súa auga ten propiedades contra verrugas e doenzas da pel. O ritual consiste en lavar a parte afectada, pasar un pano por ela, mollalo na fonte e deixalo logo secar nas silveiras ou matogueiras próximas, (hoxe en día preparan un aramio para que a xente colgue os panos). Ao secar o pano, dise que tamén seca a verruga, e desaparece unha por cada gota que cae do pano. O mesmo hai panos de papel ca panos singulares, pero tamén os hai bordados. eso sí, antes hai que oir unha misa.

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”