HOMENAXE DO COMITÉ DE ADESTRADORES GALEGOS AOS ADESTRADORES DE HONRA DO FÚTBOL E FÚTBOL SALA

 

Os da Costa tócalles a homenaxe o 24 de Xuño

O Comité Galego de Adestradores percorrerá Galicia para homenaxear aos que puxeron a primeira pedra, aos adestradores de fútbol e fútbol sala maiores de 65 anos

Pasado, presente e futuro. O Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol segue formando cada tempada aos técnicos do futuro. Pola Escola Galega desfilaron moitos adestradores que actualmente imparten maxisterio no fútbol profesional. Moitos chegaron ao máis alto e lograron facerse un nome; outros optaron por trasladar a súa ensinanza e a súa experiencia na terra, na casa, e cos máis novos.

Currículos e traxectorias aparte, o fútbol é un deporte universal e a figura do adestrador segue sendo capital para o departamento que hoxe dirixe Iván Cancela na Federación. Por iso, o Comité Galego de Adestradores da RFGF decidiu dar un paso máis e renderá unha merecida homenaxe aos que puxeron a primeira pedra, a todos aqueles técnicos de fútbol e fútbol sala maiores de 65 anos que desenvolveron o seu traballo durante polo menos 15 anos. E farao ao grande, percorrendo todas as delegacións federativas de Galicia para recoñecer publicamente a todos/as os que axudaron a facer aínda máis grande esta marabillosa profesión.

Para render tributo aos que en moitos casos foron “pioneiros” en Galicia, o Comité Galego de Adestradores celebrará oito sinxelos actos en oito puntos diferentes da xeografía galega (Vigo, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e A Costa) durante os meses de maio e xuño.

En cada lugar, o Comité fará entrega a cada un dos homenaxeados do carné de honra, un diploma e unha camisola conmemorativa da homenaxe. Ademais, tamén levará a cabo unha charla-coloquio na que participarán todos os técnicos homenaxeados que virará ao redor das diferenzas do fútbol de antes co balompé actual. En definitiva, fútbol e fútbol sala en estado puro.

Grazas por converter o fútbol na nosa paixón.

-Foto e Texto : Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol