HISTORIAS DO DEPOR “O REI DE GALICIA” : “Roy Makaay o único “Bota de ouro” europea do fútbol galego”.

No repaso que estamos a facer de fitos históricos do RC Deportivo e porque é “O Rei de Galicia” no balompé, hoxe tócanos falar dunha das grandes estrelas deportivistas, Roy Rudolphus Antonius Makaay.

Naceu o 9 de marzo de 1975 na localidade de Wijchen, situada na provincia de Güeldres, nos Países Baixos. Foi fichado por Lendoiro, que sempre lle gustou pescar nos equipos que descendían, no verán de 1999 procedente do Tenerife.

Cando o Deportivo decidiu apostar por Roy Makaay, non estaba fichando unha estrela consagrada, senón un dianteiro con moito potencial e cunha progresión moi evidente. O neerlandés chegaba procedente do CD Tenerife, club ao que chegara dous anos antes desde o Vitesse Arnhem, da Eredivisie.

No equipo tinerfeño viviu dúas campañas moi diferentes. Na primeira, marcada pola inestabilidade deportiva do equipo, anotou 7 goles en Primeira División. Na segunda deu un paso adiante e converteuse no máximo goleador do conxunto canario con 14 goles en Liga, aínda que non puido evitar o descenso a Segunda División.

Co descenso do Tenerife, o Deportivo moveuse con rapidez e pechou a súa fichaxe por uns 1.300 millóns de pesetas da época, (uns 7 millóns de euros), unha operación que acabaría converténdose nun dos maiores acertos da historia do club.

Makaay chegou a Riazor con 63 goles entre o Vitesse e o Tenerife, pero sobre todo coa fama de ser un dianteiro en plena evolución. En apenas catro tempadas no Deportivo confirmou todas as expectativas, rozou o centenar de goles oficiais e acabou converténdose no único futbolista dun club galego en conquistar a Bota de Ouro europea.

No verán de 2003 foi traspasado ao Bayern de Múnic por unha cifra próxima aos 19 millóns de euros, un dos maiores traspasos da historia do club naquela época.

A súa última campaña (2002-03), con 39 goles en 54 partidos oficiais, está considerada unha das mellores realizadas por un dianteiro na historia do Depor e do fútbol español.

Tempada 1999-00

Foi a primeira campaña de Roy Makaay no Depor tras chegar desde as Illas Afortnadas. Adaptouse de inmediato e converteuse no máximo goleador do equipo en Liga con 22 goles (26 en total entre todas as competicións). Marcou un dos goles na vitoria contra o Español na última xornada que certificou a primeira Liga da historia do Depor e única do fútbol galego profesional.

Tempada 2000-01

Na súa segunda tempada mantivo un gran nivel goleador, anotando 16 goles en Liga e 18 oficiais (nunhas webs consultadas poñen 17 e noutras 18). O Depor foi subcampión de Liga, e conquistou a Supercopa de España. Ademais, o equipo disputou unha destacada edición da Liga de Campións.

Tempada 2001-02

Foi un ano con menos acerto goleador para Makaay, aínda así marcou 12 goles en Liga e 14 oficiais. O Depor viviu unha das campañas máis lembradas da súa historia ao conquistar a Copa do Rei, gañando ao Real Madrid na final do Bernabéu (o histórico Centenariazo), e tamén a Supercopa de España.

Tempada 2002-03

Foi a súa mellor campaña. Marcou 29 goles en Liga e 39 antre todas as competicións, proclamándose Pichichi de Primeira División e Bota de Ouro europea, un premio que ningún outro xogador dun club galego conseguiu. Ademais, levou o Depor ata as semifinais da Champions e, ao rematar a tempada, foi traspasado ao Bayern de Múnic.

-Balance co Depor-

Tempadas: 4 (1999–2003)

Partidos oficiais : 179

Goles : 96

Goles en Liga : 79

-Títulos co Deportivo-

Liga Española: 1999-00

Copa do Rei: 2001-02 

Supercopa de España: 2000 e 2002

-Distincións individuais-

Bota de Ouro europea: 2002-03 (29 goles en Liga).

Pichichi de Primeira División: 2002-03.

-Fotomontaxe : Xosé Búa “Pirata”/IA

-Texto : Xosé Búa “Pirata