Hidalgo pide competir ao máximo nivel nun duelo directo en Gran Canaria.

O Deportivo afronta este sábado (18:30 horas) unha das saídas máis esixentes da tempada, visitando ao Las Palmas no Estadio de Gran Canaria. O conxunto insular chega ao encontro na segunda praza que da opción ao de ascenso directo, mentres que os nosos ocupan a quinta posición, a catro puntos do rival, tras sumar 4 encontros sen acadar a vitoria. Un partido marcado pola esixencia competitiva, as baixas e algunhas decisións relevantes do corpo técnico.

Antonio Hidalgo explicou que o equipo chega en boa dinámica malia unha semana máis curta do habitual: «Unha semana máis curta do normal, de bo traballo. Preparamos un partido bonito, atractivo, e temos ganas de competir contra os mellores. Non hai moitos xogadores con molestias, pero tanto Ximo como Escu non están ao 100 %».

O técnico destacou o bo momento xeral do grupo e a importancia de saber manexar un calendario cargado de encontros de máximo nivel: «O equipo está ben. Cando es mellor ca o rival tes que gañar. Ao final hai que saber que hai un calendario. Parece que neste mes se concentran todos os grandes partidos. Todos valen o mesmo, pero ante un rival directo hai que ter especial atención».

Sobre o recente compromiso copeiro ante o Atletico de Madrid, sen confirmar pero apunta ao bindeiro martes ás 21:00 horas, Hidalgo asumiu a dificultade e puxo en valor a experiencia: «Xa contábamos coa posibilidade de que fose inmediato. Son xogadores “top mundial”, hai que vivir o partido e desfrutalo».

No plano individual, o adestrador referiuse á situación dos dianteiros con menos protagonismo: «Cando non participas, non é sinxelo. O que queda é poñerlle as cousas difíciles ao adestrador. Hai que facer o que se pide e a partir de aí veremos as mellores opcións para o partido de Las Palmas».

En canto ao mercado, Hidalgo deixou a porta aberta a reforzos: «Quédanos unha ficha libre e estamos abertos á posibilidade de mellorar».

Sobre a baixa de Ximo, confirmou que é unha lesión de longa duración e apelou á experiencia dos xogadores: «A de Ximo é unha lesión de longa duración. Ao mellor necesitan un pouco máis de tempo para poder participar. Imos ver o último adestramento. Son xente experimentada que coñece o seu corpo. Eles vannos marcando cando van estar dispoñibles».

A análise do rival e do tipo de partido esperado tamén foi clara: «Temos moi claro que para conseguir obxectivos temos que competir contra calquera. Temos que facerlles dano, penalizar os seus erros. Van xogar na casa coa súa afección. É importante competir ao máximo nivel».

Hidalgo incidiu na necesidade de mellorar certos aspectos tácticos, especialmente no equilibrio defensivo: «Ao final tes que saber o tipo de xogadores que tes. Somos dos equipos que menos faltas facemos da liga. Temos que ler mellor as situacións para que non nos poidan sorpender. Temos que ler mellor os partidos».

A ausencia de Loureiro obrigará a realizar axustes: «O tema do equilibrio eu tamén teño que darlle unha volta. Hai veces que é máis complicado que con outros. A baixa de Lou, sairá outro compañeiro e vaio facer igual de ben ca él. O que me pon nervioso é non gañar».

Unha das decisións máis destacadas da semana está na portería. Hidalgo confirmou o cambio: «Cando tomas unha decisión é sopesada e pensada. O sábado vai xogar Álvaro». Ademais, quixo poñer en valor a actitude de Germán tras coñecer a decisión: «Germán non está contento coa miña decisión, pero a súa reacción foi impecable. Cun sorriso e axudando a Álvaro. É un profesional como a copa dun pino».

O Deportivo buscará así dar un golpe sobre a mesa en Gran Canaria, nun duelo directo que pode marcar o rumbo da loita polo ascenso.

Deportivistas en Gran Canaria

Con entrada desde Galicia pola vía da Federación de Peñas e o RC Deportivo van 340, (non chegaron nin para cubrir peticións), pero no campo haberá moitos máis, que colleron as suas entradas na taquilla online do UD Las Palmas, así coma deportivistas que viven nas “Illas aforunadas” e que non van deixar pasar a ocasión de ver aos nosos en direto e animalos. A nosa peña tamén estará reprentada no campo canario.

.

-Foto-montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies