Hai despedidas que transcenden os resultados e as clasificacións. Despedidas que falan de compromiso, de traballo silencioso e da pegada que unha persoa deixa nun proxecto. Así é a de Gueli Cotelo, que pon fin a unha etapa de dez anos ligado ao fútbol feminino do Bergantiños, un camiño que el mesmo define como unha aventura iniciada con ilusión, compromiso e a esperanza de construír algo importante.
Nunha emotiva carta difundida polo club, Cotelo fai balance dunha década na que foi testemuña e protagonista do crecemento dunha sección que hoxe vive un dos momentos máis importantes da súa historia. Un proxecto que, segundo lembra, deu os seus primeiros pasos a base de esforzo, dedicación e moitas horas de traballo, e que agora se converteu nunha realidade sólida e con futuro.
O xa exresponsable do fútbol feminino bergantiñista quixo ter palabras de agradecemento para todas as xogadoras que formaron parte desta etapa, tanto para as que continúan defendendo as cores do club como para aquelas que contribuíron ao seu crecemento e xa emprenderon outros camiños deportivos ou persoais.
Pero o seu recoñecemento vai moito máis alá do vestiario. Adestradores, adestradoras, delegados, directivos, familias, persoal do club e todas aquelas persoas que colaboraron dun xeito ou doutro tamén teñen o seu espazo nunha mensaxe marcada pola gratitude.
“Sen vós, nada disto sería posible”, resume Cotelo nunha frase que reflicte o carácter colectivo dun proxecto que medrou ano tras ano ata converterse nun referente do fútbol feminino galego.
Na súa despedida, Gueli destaca que leva consigo innumerables recordos, amizades e a satisfacción de ter contribuído, xunto con moitas outras persoas, a facer realidade un soño que hai dez anos parecía moito máis afastado. Un legado que queda asentado e preparado para seguir medrando nas vindeiras temporadas.
Aínda que pecha unha etapa especialmente importante da súa vida deportiva, deixa claro que seguirá observando con orgullo a evolución dun equipo e dunha estrutura que axudou a construír desde os seus alicerces. Faino ademais convencido de que os novos proxectos que cheguen ao club serán tan apaixonantes e enriquecedores como os vividos durante esta década.
O Bergantiños perde unha peza fundamental da súa historia recente, pero conserva a herdanza dun traballo que contribuíu decisivamente á consolidación do fútbol feminino na entidade de Carballo.
Dez anos despois, Gueli Cotelo marcha coa satisfacción do deber cumprido e co agradecemento dunha familia futbolística que o viu crecer e que tamén medrou ao seu lado.
“O noso agradecemento a Gueli Cotelo pola gran colaboración que tivo ca nosa web desde sempre e moita sorte nas suas novas andainas”.
.
-Foto e comunicado : Gueli Cotelo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
