Giacomo Quagliatta compareceu ante os medios durante a estadía do Depor en Italia para facer balance dunha pretempada que entra xa na súa recta final. O lateral italiano amosouse satisfeito co traballo que está a realizar o equipo, destacou a competencia interna como un estímulo para mellorar e insistiu en que o vestiario mantén os pés no chan antes do regreso á elite.
O futbolista branquiazul explicou que o grupo está aproveitando ao máximo os días de concentración. Malia as altas temperaturas, asegurou que as sesións están a desenvolverse cun bo ritmo e cunha clara finalidade: chegar nas mellores condicións posibles ao debut ligueiro fronte ao Elxe.
En relación coa competencia polo posto de lateral esquerdo, Quagliatta eloxiou o crecemento de Xabi Campos, a quen definiu como un xogador con moita proxección e unha excelente actitude no día a día. Ao mesmo tempo, deixou claro que a súa maneira de afrontar a competencia non cambia, independentemente de quen estea ao seu carón. A súa prioridade segue a ser esixirse ao máximo en cada adestramento para continuar evolucionando e contribuír ao rendemento colectivo.
Tamén foi preguntado pola posible chegada de Angeliño, aínda sen confirmar. O italiano evitou alimentar especulacións e lembrou que, polo momento, no vestiario só teñen “constancia dos rumores que circulan”. Iso si, recoñeceu que “un futbolista dese nivel sempre obriga a elevar a esixencia e mellorar os detalles durante os adestramentos”.
No plano táctico, Quagliatta mostrouse plenamente cómodo co sistema de Hidalgo. Explicou que, “aínda que o equipo parte en ocasións cunha liña de cinco defensores, o meu papel cambia segundo a fase do xogo. En defensa actuo como un lateral convencional, mentres que en ataque teño liberdade para gañar altura e incorporame ao campo rival”, unha fórmula coa que asegura sentirse “identificado e que xa deu bos resultados a pasada campaña”.
Os amigables internacionais destes días servirán, ao seu xuízo, “para medir o nivel do equipo e detectar aspectos que aínda deben perfeccionarse”. Considera que “enfrontarse a rivais de entidade permite gañar experiencia competitiva, fortalecer o aspecto mental e chegar con máis garantías ao inicio da competición”.
O defensa tamén asumiu que a acumulación de encontros obrigará a unha maior rotación ao longo da tempada. Entende que “o calendario será esixente e a participación de toda a plantilla será fundamental para manter un bo nivel físico e competitivo”.
Sobre o regreso á Primeira División, Quagliatta non ocultou a dificultade do reto. Subliñou que a Primeira “reúne algúns dos mellores equipos do mundo”, pero mostrou confianza en que o entusiasmo e a unión que impulsaron ao Depor o pasado curso continúen sendo unha das principais fortalezas do grupo. Para iso, insistiu, “será imprescindible manter unha ética de traballo constante e non baixar nunca o nivel de esixencia”.
O italiano tamén puxo en valor a mestura de xuventude e talento que presenta o cadro deportivista. Considera que “os xogadores con máis experiencia deben servir de guía para os máis novos”, aínda que pediu que “o equipo compita sen complexos, con tranquilidade e convencido das súas posibilidades”.
Nun plano máis persoal, mostrouse optimista coa evolución de Yeremay. Confirmou que o canteirán xa comezou a reincorporarse aos adestramentos e destacou a boa relación que mantén con él tanto dentro como fóra do campo. Aínda así, preferiu ser prudente á hora de valorar se estará dispoñible para a estrea ligueira.
Por último, Quagliatta evitou marcar obxectivos a longo prazo. A pesar de considerar que as incorporacións elevaron o nivel competitivo da plantilla, reiterou que “o camiño pasa por manter a mesma filosofía que levou ao éxito a pasada tempada: centrarse exclusivamente no seguinte partido e avanzar paso a paso sen mirar máis alá do presente”.
–
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
–
