O xogador do Depor Giacomo Quagliata, compareceu ante os medios cun discurso claro e repetido ao longo da súa intervención: mentalidade positiva, foco no presente e confianza no traballo do equipo neste tramo decisivo da tempada.
O extremo deportivista evitou facer prognósticos sobre o futuro, insistindo en que o camiño pasa por centrarse partido a partido. “Non teño unha bóla de cristal para sabelo. Nós queremos gañar todos os partidos, pero o fútbol non é de lóxica”, sinalou, deixando claro que o rendemento non sempre vai ligado ao merecemento. Aínda así, fixo fincapé na evolución do grupo nas últimas semanas: “O equipo gañou madurez no campo. Incluso cando encaixamos gol temos a forza de levantarnos, e iso non é fácil”.
Quagliata tamén puxo o acento na importancia da actitude mental, nunha mensaxe que repetiu en varias ocasións: “Temos que pensar en positivo”, engadindo ademais que “a xente pensa positivo porque, se non, as cousas positivas non veñen”. Unha filosofía que o vestiario parece ter asumido nesta recta final.
Sobre a situación na táboa, o xogador recoñeceu que é difícil non facer cálculos, aínda que a consigna interna é clara: “O mellor é non facer contas, pero por dentro fas. Temos que mirarnos a nós mesmos e conseguir o resultado; ao final verase”. Tamén restou importancia á orde dos partidos da xornada: “Para min é igual xogar antes ou despois. Prefiro non mirar nada e pensar en nós”.
Un dos momentos máis emotivos da súa intervención chegou ao falar do apoio da afección deportivista. “Cando vimos co bus e hai xente fóra empuxando… é unha tolemia. Dáche un ‘brivido’ incrible”, confesou, destacando o papel clave da bancada: “Para todos os xogadores isto é un soño”.
No tocante ás polémicas arbitrais, o uruguaio foi prudente e evitou entrar en valoracións: “Nós non queremos falar porque non podemos facer nada, só falar ao vento”. Sobre o VAR, limitouse a dicir que “xeralmente intenta axudar”, deixando esas cuestións en mans do club.
Tamén lembrou o seu enfado tras o penalti en Burgos, aínda que xa co foco posto no presente: “No momento estaba enfadado, pero non pasa nada. Temos que pensar na semana e no seguinte partido”.
Con respecto ao estado do equipo, Quagliata amosouse optimista tras a última vitoria: “Estamos adestrando ben. Temos que seguir sen pensar no que pasa fóra do campo e pelexar ata o final como estamos facendo”. Un final de tempada que prevé esixente: “Sabemos que todos os campos son difíciles. Hai que estar concentrados, poñer garra e loitar ata o último minuto”.
Por último, analizou o próximo compromiso ante o Cádiz, destacando que, pese a ter obxectivos diferentes, ambos equipos comparten ambición: “Os dous temos unha motivación moi grande. Se mantemos a concentración e a madurez dos últimos partidos, seguro que teremos un bo resultado”.
Un discurso firme e sen fisuras o de Máximo Quagliata, que resume o sentir dun Deportivo que encara o tramo decisivo coa idea clara: crer, competir e non deixar de loitar.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo