GIACOMO QUAGLIATA : “Cada partido é unha final, hai que gañar todas as semanas”.

 

O Dépor afronta unha semana marcada en vermello no calendario coa visita a Castalia, (Domingo 21:00 horas) onde este domingo pola noite medirase ao Castellón nun duelo directo entre dous equipos situados na zona alta da táboa. Un encontro esixente, importante, pero non definitivo, tal e como deixou claro Giacomo Quagliata na rolda de prensa previa.

O lateral italiano explicou que os nosos viaxan coa ambición de sumar os tres puntos, coa mentalidade de ir a gañar, pero sen caer en dramatismos. A tempada aínda é longa e cada xornada conta, polo que un resultado negativo non pode alterar o camiño nin a confianza do grupo. Para Quagliata, todos os partidos teñen o seu peso e este non deixa de ser un máis dentro dunha carreira de fondo.

Nese contexto, o xogador deportivista puxo o foco na importancia de competir cada fin de semana coa mesma seriedade. Máis alá do marcador, destacou que o verdadeiramente clave é saír sempre vencedor, sexa cun resultado amplo ou por unha mínima diferenza. A regularidade, segundo sinalou, é o que acaba marcando a diferenza ao final dunha liga.

Quagliata tamén insistiu en que o equipo vive cada xornada como unha final. Coa clasificación tan axustada, non hai marxe para relaxarse: gañar un domingo e fallar ao seguinte serve de pouco. Por iso, a mentalidade debe ser estable, sólida e ambiciosa en todos os encontros, independentemente do rival.

O Dépor chega á cita reforzado polas dúas últimas vitorias, algo que se nota no ambiente do vestiario e no traballo diario. A confianza medra, pero sen perder o respecto por un Castellón que conta con futbolistas perigosos no plano ofensivo e que obrigará a estar moi concentrados tanto co balón como sen el.

Un dos aspectos que máis valorou o xogador italiano foi a evolución do grupo. A estas alturas da tempada, os nosos son un equipo máis feito, con maior cohesión e cunha unión que se reflicte dentro e fóra do campo. Como exemplo, lembrou celebracións recentes nas que todo o banco correu xunto ao autor do gol decisivo, unha imaxe que fala da saúde do vestiario.

Tamén tivo palabras de respecto para Escudero, co que mantén unha relación próxima e de axuda mutua, así como para os novos reforzos, que xa se integraron con naturalidade nun cadro no que todos se senten importantes. En canto ao reencontro con Brignani, outro italiano presente no rival, Quagliata restoulle importancia, subliñando que o Dépor debe centrarse no seu propio traballo.

Así, os nosos encaran unha nova proba de nivel coa convicción de seguir medrando como equipo, sabendo que o camiño cara ao obxectivo esixe constancia, cabeza fría e un grupo máis unido ca nunca.

.

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

-Vídeo : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies