O CF Muxía Feminino continúa dando pasos firmes na construción do seu proxecto para a histórica tempada 2026/27, na que debutará na 1ª Galega Feminina tras proclamarse campión da 2ª Galega Feminina G1. O conxunto da Vila da Barca anúncianos a súa cuarta incorporación deste novo ciclo, coa chegada da prometedora centrocampista Gala Ares.
Despois da confirmación da corcubionesa Ana Rodríguez como nova adestradora en substitución de Noe Iglesias, e das incorporacións da defensa Claudia González, procedente do Orillamar SD, e da centrocampista Saray Duarte, chegada desde o UC Cee, o club muxián segue reforzando o seu cadro de xogadoras con talento e futuro.
Nesta ocasión, a nova futbolista que desembarca nas “Corviñas” é Gala Ares (2010), unha rapaza coñecida pola adestradora e que amosou boa proxección e que chega tamén procedente do UC Cee. A súa incorporación supón unha aposta de presente e, sobre todo, de futuro para un equipo que buscará competir con garantías nunha categoría máis esixente.
A pesar da súa xuventude, Gala destacou nas categorías de formación polo seu bo trato de balón, visión de xogo e capacidade para desenvolverse no centro do campo, características que lle permitiron chamar a atención do conxunto muxián.
Coa súa fichaxe, o CF Muxía continúa combinando experiencia e mocidade na confección dun plantel que afrontará unha campaña ilusionante, a primeira da súa historia na 1ª Galega Feminina. Desde a entidade “Corviña” confían en que a nova xogadora continúe medrando deportivamente e achegue o seu gran potencial a un proxecto que non deixa de mirar cara adiante.
