Fronte común do Concello de Muxía e os propietarios dos secadoiros de congro para a súa defensa.

Intre da xuntanza no Concello de Muxía.

 

O alcalde, Iago Toba, acompañado da artista muxiá, traballadora do Concello e impulsora da campaña ‘Eu apoio os secadoiros de congro de Muxía’, Viki Rivadulla, mantivo unha xuntanza cos emprendedores Miguel Diz, Carla Castro e Javier Lema para buscar solucións na defensa dun “emblema cultural e patrimonial da costa”.

O obxectivo pasa por “crear unha fronte común coa que defender os secadoiros, que contan cunha forte carga sentimental e unha enorme tradición que loitaremos por conservar”.

Entre os puntos tratados estivo a consecución dun recoñecemento que rexistre estes recintos como un método particular e tradicional de traballo, así como a posibilidade futura de combinar a produción coa súa explotación turística.

 O Concello de Muxía e os propietarios dos secadoiros de congros unen forzas e buscan formar unha fronte común para defender estes recintos, “un emblema cultural e patrimonial da costa”.

O alcalde, Iago Toba, acompañado da artista muxiá, traballadora do Concello e impulsora da campaña ‘Eu apoio os secadoiros de congro de Muxía’, Viki Rivadulla, mantivo unha xuntanza cos emprendedores e titulares dos dous únicos secadoiros de congro que existen no mundo, Miguel Diz, Carla Castro e Javier Lema.

Segundo explicou o rexedor muxián, o obxectivo pasa por “crear unha fronte común coa que defender os secadoiros, que contan cunha forte carga sentimental e unha enorme tradición que loitaremos por conservar”. “Buscar liñas comúns de traballo e coordinación de futuras reunións entre Administracións para formar unha estratexia de traballo definida”, afirmou Toba, foi unha das principais finalidades da xuntanza.

Neste sentido, “a sabedoría e información das persoas responsables destes recintos, que ademais son emprendedores mozos, con iniciativa e que teñen que facer fronte a trabas continuamente” será clave, concluíu.

Puntos tratados na xuntanza

Algúns dos puntos tratados nesta xuntanza foron a consecución dun tratamento que recoñeza os secadoiros como un método particular e tradicional, diferenciado das grandes industrias. Por outra banda, a posibilidade nun futuro próximo de combinar produción con explotación turística dos recintos, ademais da promoción conxunta entre empresas e Concello destas singulares instalacións.

O alcalde mostrou o seu apoio aos muxiáns Miguel Diz, Carla Castro e Javier Lema, explicándolle as liñas a tratar conxuntamente e ofrecendo a súa dispoñibilidade para o que necesiten.

Cómpre destacar que esta reunión entre Concello e propietarios de secadoiros conta con importantes apoios de persoeiros do mundo da cultura, da gastronomía, da empresa e sobre todo da propia veciñanza.

-Foto e Texto : Prensa Concello de Muxía