Ás veces os resultados non contan toda a historia. Iso foi precisamente o que lle ocorreu a Fran Figueroa na súa última tempada á fronte da SCDR Esteirana Feminino, un equipo que viviu unha auténtica carreira de obstáculos e que, malia todo, conseguiu gañar a permanencia sobre o céspede, tal e como vos fomos contando durante toda a tempada.
As numerosas lesións de longa duración deixaron ao conxunto esteirán cun cadro de xogadoras moi reducido durante boa parte da segunda volta. Houbo partidos nos que só puido comparecer con dez futbolistas e mesmo algún no que tivo que competir con nove, unha situación límite que, lonxe de desmoralizar ao grupo, reforzou o seu compromiso.
A pesar de todos os contratempos, a Esteirana conseguiu o obxectivo deportivo: manter a categoría.
A historia non rematou aí
Na derradeira xornada do campionato, o Milagrosa presentou unha denuncia ao considerar que o equipo esteirán incumprira a normativa ao disputar máis de tres encontros cun número de xogadoras inferior ao regulamentario. A denuncia prosperou e a Esteirana non puido disputar o último partido da liga precisamente ante o conxunto lucense, unha decisión que acabou provocando o descenso administrativo dun equipo que se gañara a permanencia no terreo de xogo. Ata o CF Corme que podería loitar cas lucenses polo posto de promoción renegaba dél xa antes de xogar.
Aquel desenlace deixou unha fonda pegada no vestiario e tamén no seu adestrador, e no fútbol da costa.
“A idea era parar”
Hai pouco máis dun mes, Fran Figueroa comunicaba que non continuaría á fronte da Esteirana. O desgaste acumulado durante unha campaña tan complicada pesou máis ca calquera outra consideración.
“Hai un mes e algo comuniquei que non seguía na Esteirana. A idea era parar tras o desgaste enorme desta última temporada onde, de non ser polo grupo de fieras que tiña, non creo que puidera nin chegar alí.”
O técnico muradán recoñece que chegou a recibir outras propostas, pero que nin sequera contemplou aceptalas.
“De feito rexeitei propostas moi interesantes porque non tiña nin idea nin forza para arrincar. Só quería desconectar do fútbol.”
A chamada que o cambiou todo
Hai apenas unha semana, o presidente do Sonnoia púxose en contacto con él para manter unha conversa que acabou cambiando por completo os seus plans.
“Hai unha semana recibín a chamada do presidente do Sonnoia para tomar un café e creo que a proposta foi un punto de inflexión que debo probar.”
O novo proxecto convenceuno desde o primeiro momento
O novo proxecto pasa de chamarse o equipo feminino Sonoia en troques do masculino e xon equipo senior A e B, cadete, infantil e alevín en féminas.
“É un proxecto que se adapta á miña idea, cun equipo competitivo e cunha base moi ben traballada.”
Será a súa primeira experiencia lonxe do fútbol da Costa, sendo o alma mater do ED As Miúdas, CF Dumbría e da Esteirana, aínda que deixa claro que as súas raíces continúan intactas.
“Sei ben onde pertenzo”
Na súa mensaxe de despedida do noso fútbol, Fran non esqueceu o club que marcou os últimos anos da súa carreira.
“Aínda que estou no outro lado da ría, sei ben onde pertenzo e a quen lle debo tanto.”
Unhas palabras que evidencian o vínculo que mantén co fútbol costeiro coa SCDR Esteirana e co grupo de xogadoras co que compartiu unha tempada tan dura como inesquecible.
Agora inicia unha nova etapa no Sonnoia “A”, equipo do CF Noia que milita na 2ª Galega, da que este ano haberá 4 grupos, pero o seu paso por Esteiro quedará inevitablemente asociado a un equipo que nunca baixou os brazos. Porque, máis aló do desenlace administrativo, poucas veces unha permanencia custou tanto esforzo nin tivo un final tan cruel.
Este novo proxecto para Fran Figueroa supón unha aposta por un proxecto deportivo diferente, baseado na formación e no crecemento do fútbol feminino.
O noso maior desexo de que todo lle vaia do milloriño a este gran colaborador desde sempre da nosa web.
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
–
