Fernando Soriano: “O mercado segue aberto e estaremos atentos se aparece algunha oportunidade que mellore o equipo”.

O director deportivo do Depor, Fernando Soriano, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación coincidindo coa presentación oficial de Eden Bright no Depor Training Center de Abegondo. Máis aló da presentación do novo central, o máximo responsable da parcela deportiva repasou o estado do mercado de fichaxes, as posibles incorporacións e tamén as saídas que aínda poderían producirse antes do peche do prazo, a derradeira foi a cesión de Diego Gómez ao Huesca.

Soriano deixou claro que a planificación aínda “non está pechada e que o club seguirá atento ás opcións que poidan aparecer nas próximas semanas”.

Aubameyang, un reforzo pensado para competir

Un dos nomes propios da comparecencia foi o de Pierre-Emerick Aubameyang, unha incorporación que, segundo explicou Soriano, responde a unha análise deportiva e non ao prestixio do futbolista.

O director deportivo destacou que o corpo técnico buscaba un xogador experimentado que achegase o que lle faltaba ao equipo e asegurou que o que máis lles convenceu foi o rendemento ofrecido nas súas últimas tempadas.

“Non fichamos un nome, senón un futbolista que segue demostrando fame competitiva, compromiso e un nivel físico moi alto. Iso foi o que realmente nos levou a apostar por el”, explicou.

Soriano tamén apuntou que, se finalmente non se producen máis movementos na parcela ofensiva, considera que o ataque deportivista queda perfectamente cuberto.

Confianza plena en Eden Bright

O responsable da dirección deportiva tamén tivo palabras para o novo central branquiazul, do que destacou a súa marxe de crecemento.

Definiuno como “un defensa potente, rápido e con capacidade para gañar duelos tanto polo aire como sobre o céspede, ademais de contar cunha boa saída de balón e velocidade para corrixir accións defensivas”.

Soriano considera que Bright é unha aposta de futuro, pero tamén un futbolista preparado para ofrecer un bo rendemento desde o primeiro momento a pesares dos seus 19 anos.

“Ten moita proxección e xa nos está demostrando durante estes primeiros días que pode competir a un nivel importante”, sinalou.

O mercado aínda pode traer novidades

Aínda que o cadro está practicamente configurado, Soriano recoñeceu que o club continúa analizando o mercado. Todo apunta a que chegará un central e un lateral esquerdo, ainda que volveu a repetir que están “gratamente contentos” co rendemento que está a dar o xuvenil Xabi Campos.

Explicou que os próximos amigables servirán para comprobar o nivel competitivo do equipo e detectar se existe a necesidade de reforzar algunha posición concreta.

Preguntado polo posible interese no brasileiro Juan Jesús, central da Roma que acabou contrato e que aportaría veteranía, (35 anos), e sendo un xogador que xogou a bo nivel no equipo italiano, desto evitou dar pistas, limitándose a recoñecer que é un dos moitos futbolistas que están a ser seguidos, pero deixando claro que non existe ningunha negociación avanzada.

As saídas tamén forman parte da planificación

No apartado de baixas, Soriano confirmou que a cesión de Diego Gómez ao Huesca é só o primeiro movemento e admitiu que nas próximas semanas poderían producirse máis operacións, no disparadeiro de saida homes coma Bouldini, José Ángel, Patiño e Eric Puerto, os dous primeiros para desvincularse do clube e o anglo-galego e o meta, como cesións.

O director deportivo explicou que hai futbolistas sobre os que a situación será analizada durante a pretempada e que, no caso de comprobar que van contar con poucos minutos, buscarase a mellor solución para todas as partes.

Especialmente mencionou a competencia existente na portería e no centro do campo, posicións nas que o club deberá tomar decisións antes do inicio ligueiro.

Un mercado que se moverá máis nas próximas semanas

Para rematar, Soriano recoñeceu que o mercado está avanzando con certa lentitude, unha situación que considera habitual nestas datas.

Segundo explicou, “moitos clubs aínda están definindo as suas plantillas e iso provoca un efecto dominó que retrasa numerosas operacións”.

En calquera caso, deixou claro que no Deportivo non traballan con présas, aínda que recoñeceu que “sempre resulta positivo pechar canto antes as incorporacións para facilitar a adaptación dos novos xogadores”.

“Temos claro o perfil que buscamos. Se aparece unha oportunidade interesante e está ao alcance do club, intentaremos aproveitala sen esperar ao último momento”, concluíu.

-No vídeo que acompaña esta información pódense escoitar ao completo as declaracións de Fernando Soriano durante a súa comparecencia ante os medios no Depor Training Center de Abegondo, na presentación oficial de Eder Bright.

-Vídeo : RC Deportivo

-Montaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”