FALEMOS DE FÚTBOL CON PRESIDENTES : FERNANDO VIDAL, RAFAEL LOUZÁN, TINO SAQUÉS E CARLOS MOURIÑO, ESTE VENRES NO PECHE DAS CHARLAS-COLOQUIO DO COMITÉ GALEGO DE ADESTRADORES E A RFGF.

 (Canle da RFGF).

Paco Jémez, Miroslav Djukic, Eusebio Sacristán, Sergio González, Pitu Abelardo, José Luis Mendilibar, Óscar García, Fernando Vázquez, Curro Torres, Bruno García, Miguel Rodrigo, Jesús Velasco, Jorge Braz, Rubén Albés, Rafa Sáez, Nacho Iglesias Villanueva, Diego Sánchez Rojo, Pedro Galán, Juanjo Cordero Gallardo, Luis Carro, Toña Is, Manu Sánchez, María Pry, Diego Martínez, Unai Emery, Luis de la Fuente, Asier Garitano, Héctor Souto, Juanma Marrube, Vero Boquete, Tere Abelleira, Diego López e Borja Iglesias. Os seguintes? Rafael Louzán, Carlos Mouriño, Fernando Vidal e Tino Saqués.

Os presidentes Rafael Louzán (RFGF), Carlos Mouriño (RC Celta), Fernando Vidal (RC Deportivo) e Tino Saqués (CD Lugo) serán os encargados este venres día 15 de maio de clausurar as Xornadas Online da RFGF, unha iniciativa virtual que arrincou o pasado 29 de marzo e que rematará este venres despois de case dous meses de actividade.

Esta último encontro virtual, “Falemos de Fútbol con Presidentes” arrincará a partir das 19.30 horas e será retransmitida en directo pola nosa canle de Youtube.

 

Fernando Vidal : Empresario, ex atleta e un traballador infatigable

Fernando Vidal Raposo (A Coruña, 20 de agosto de 1962) é desde o pasado mes de xaneiro o cuadraxésimo quinto presidente nos 113 anos de historia do RC Deportivo. Foi deportista da sección de atletismo do RC Deportivo durante unha década, entre 1978 e 1988. Especialista en lanzamentos, e máis particularmente no de peso, proclamouse campión de Galicia da especialidade vestindo de branquiazul en 7 ocasións consecutivas, entre 1982 e 1988, ano da desaparición das seccións deportivas do club.

Recentemente estivo vencellado ao RC Deportivo formando parte do Consello de Administración entre o 22 de xaneiro de 2014 e o 2 de outubro de 2017.

A vida de Fernando Vidal estivo sempre dacabalo entre o deporte e o porto. Presidiu o OAR de balonmán na súa etapa máis gloriosa, chegando a soñar con alcanzar a Asobal.

O grande obxectivo será regresar á Primeira División.

 

Rafael Louzán : O presidente número 32 da RFGF

Rafael Louzán Abal naceu en Ribadumia o 21 de novembro de 1967. É o presidente número 32 da Real Federación Galega de Fútbol, fundada en 1909 e que conta con 110 anos de historia.

Desde que Rafael Louzán é presidente, unha das premisas innegociables xira ao redor da súa atención permanente e directa aos verdadeiros protagonistas, que non son outros que os clubs de Galicia. Durante o seu mandato, Louzán tamén impulsou e fixo realidade a reforma integral das sedes federativas de Galicia e con el chegou unha transformación real, modernizando a Federación tanto fisicamente como dixitalmente, incrementando dunha maneira considerable o valor patrimonial propio da Federación.

No plano deportivo, as cifras e os resultados falan por si sós. O número de clubs e de licenzas segue crecendo a pasos axigantados tempada tras tempada, a integración do fútbol sala na RFGF é total e a aposta polo fútbol feminino xa é histórica.

 

Carlos Mouriño : O presidente que máis días leva a cargo do RC Celta

Carlos Mouriño celebrou fai un par de meses os seus 77 anos. O presidente do RC Celta soprou as velas camiño de cumprirse os seus 14 anos á fronte da entidade, da que é xa o presidente máis lonxevo.

O 11 de marzo de 2017 converteuse nunha data especial para o presidente vigués. Nacido en Vigo o 4 de marzo de 1943, é, desde ese 11 de marzo de hai 3 anos, o presidente que máis días leva a cargo do Celta en toda a súa historia, superando a Horacio Gómez, o seu predecesor.

Máis dunha década á fronte dun equipo que viviu os desgustos da Segunda División, o risco da desaparición por un buraco nas arcas inasumible para un Celta que sobreviviu grazas aos préstamos persoais do propio Carlos Mouriño.

Un ascenso que cambiaría todo, posto que agora o Celta é un equipo asentado en Primeira malia que na actualidade está involucrado na loita pola permanencia. O máximo accionista da entidade olívica vive un delicado momento deportivo, pero coa satisfacción de sanear a institución despois dunha etapa de grandes dificultades económicas que levou ao club ao concurso de acredores e consolidar ao equipo en Primeira División cun renovado proxecto de canteira, e dotalo de patrimonio coa adquisición dunha sede social de Príncipe e a construción en Mos da nova cidade deportiva que se inaugurará a próxima tempada.

 

Tino Saqués : Máximo accionista do CD Lugo desde 2015

Tino Saqués é o máximo accionista do CD Lugo desde 2015, cando adquiriu as accións en mans da Deputación e o Concello de Lugo e outros paquetes importantes, que lle deron o control do 58% do club.

Titulado na especialidade de Frío Industrial.

A entidade lucense arroxa uns datos económicos ordenados e xa botou raíces na Segunda División, malia que esta campaña terá que loitar de novo por asinar a permanencia no fútbol profesional.

-Texto e Foto : Comité de Adestradores Galegos/Gabinete de comunicación da RFGF.

 

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.