FALECE OS 68 ANOS DE IDADE PIÑO XOGADOR DEPORTIVISTA DOS 60-70.

Piño nos seus anos como deportivista, (D.E.P).

 

José Antonio Vilariño Bruzos, máis coñecido como Piño, xogador e empregado deportivista nos anos 60 e 70, faleceu aos 68 anos de idade. 

Piño, nacido na Coruña o 16 de xaneiro de 1952, formouse no Club Unión Sportiva. Fichado polo Deportivo, con só 16 anos debutou co Fabril, á vez que traballaba no Club como mandadeiro, labor que desempeñou entre febreiro de 1967 e decembro de 1971.

Co filial deportivista xogou 4 temporadas, nas que disputou 105 encontros oficiais, a maioría en Terceira División, e marcou 26 goles. Sendo xogador fabrilista chegou a ser convocado pola selección española sub-18. José Emilio Santamaría chamouno para o encontro do Torneo Xuvenil da UEFA que España disputou ante Francia (1-3) o 12 de marzo de 1970 en San Mamés, aínda que Piño non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Deu o salto ao primeiro equipo no tramo final da Temporada 1972-1973, debutando en partido da 32ª xornada de Primeira División fronte ao Sporting de Gijón (0-0), o 6 de maio de 1973 en El Molinón. Aquel día, o conxunto branquiazul, dirixido por Arsenio Iglesias, formou con Seoane; Belló, Luis, Cholo, Rubiñán; Loureda, Zugazaga, Rabadeira; Piño, Prieto e Beci.

Piño, habilidoso extremo ao que o propio Arsenio alcumou ‘Rato’ durante a época na que o dirixiu no Fabril, disputou 135 encontros oficiais coa elástica branquiazul (3 en Primeira, 77 en Segunda, 37 en Terceira e 18 de Copa) nos que anotou un total de 18 tantos. O seu último partido foi o 5 de xuño de 1977, fronte ao Pontevedra CF en Pasarón (1-0), na 38ª e última xornada de Segunda División.

No verán de 1977 fichou pola UD Salamanca e con posterioridade militou no Real Valladolid.

Durante os últimos anos tiña unha participación activa nas actividades da Asociación de Veteranos do RC Deportivo.

O velorio ten lugar no tanatorio Albia ata mañá mércores ás 12:00 horas. Ás 12:30 terá lugar unha misa no seu recordo na capela do tanatorio, con capacidade para 21 persoas. O cortexo fúnebre sairá ás 13:00 en dirección ao cemiterio de San Amaro, onde será enterrado.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeros e a todo o deportivismo. DEP.

-Foto e Texto : RC Deportivo


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies