FALECE O EX META DO RC DEPORTIVO, EDUARDO SEOANE, D.E.P.

Eduardo Seoane nos anos 70.

 

Día triste no deportivismo e para nós, por ser un amigo moi querido, de longas tertulias, do RC Deportivo de antes e de agora.

A máis bonita anédota que nos ten contado, era sobre a vestimenta dos anos 70. “O xersey, (que non camiseta), de porteiro de manga longa, era de lá, e cando chovía cos campos enlodados, as mangas saíanme por fora do guante e tiña que estar arremangándome cada vez que me tiraba a por un balón. Facíanmas na casa, e logo cosíalle o escudo que me daba o clube”.

Vaise un gran home, moi pronto, e deixa un gran vacío, e a tristura de fai 15 días non ver ascender ao seu Depor…Eduardo Seoane…D.E.P.

O ex porteiro deportivista Eduardo Seoane Díaz (A Coruña, 25 de xaneiro de 1948), faleceu hoxe mércores aos 74 anos de idade. Seoane militou no primeiro equipo durante seis temporadas, entre 1970 e 1976, previo paso polo Fabril.

O gardameta formouse no Atlético San Pedro, do seu San Pedro de Visma natal, e o SD Sen Querer antes de fichar polo Deportivo en 1966, irse cedido ao SDC Órdenes e incorporarse ao filial deportivista en 1967. Co Fabril xogou tres temporadas, todas en Terceira División, nas que acumulou 85 encontros nos que encaixou 83 goles, compartindo portería con Canedo e dirixido desde o banco por Arsenio Iglesias.

Seoane debutou co primeiro equipo branquiazul nun partido de Copa celebrado o 6 de xaneiro de 1971 en Riazor, fronte á UD Salamanca. Os branquiazuis impuxéronse por 4-0 e o novo gardameta substituíu a Jesús Aguilar tralo descanso. Foi aquel o segundo partido de Arsenio Iglesias aos mandos do Deportivo, só uns días despois de suceder a Roque Olsen no banco branquiazul. Aquela campaña concluíu co gran éxito de Seoane nos seus anos como deportivista, o ascenso a Primeira División certificado co icónico gol de Beci ao Rayo Vallecano.

Durante as súas seis temporadas no Deportivo, Seoane disputou 140 encontros oficiais, divididos en 43 en Primeira División, 46 en Segunda División, 28 en Terceira División e 23 en Copa, nos que encaixou un total de 135 tantos. O seu último encontro coa camiseta branquiazul foi o 28 de marzo de 1976, o partido fronte ao Burgos CF en Riazor (0-1) lembrado por varias xeracións pola nefasta arbitraxe de Pes Pérez que descabalgou aos coruñeses da loita polo ascenso a Primeira.

Con posterioridade, Seoane militou na UD Salamanca (1976-1977), o Real Oviedo (1977-1979) e a SD Compostela (1979-1980).

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros, en especial ao seu fillo Edu, que formou parte do equipo de fisioterapeutas do Club entre 1998 e 2003. DEP.

-Foto : RC Deportivo

-Texto : piratasdemuxia

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies