Esta fin de semana, o club cormelán de tiro con arco, “Flechas por un tubo”, tivo unha destacada participación no Campionato Galego de Sala, celebrado en Meis, (Pontevedra), e organizado polo Club “Boa Vila”, o que dende o club de Corme felicitan pola excelente organización dun evento que reuniu a arqueiros e afeccionados de toda Galicia, nun ambente magnífico e rodeados de compañeirismo.
Os deportistas do clube costeiro desfrutaron dunha fin de semana de competición intensa e grandes momentos.
A competición foi moi reñida, e nesta alta esixencia os cormelán competiron de maneira extraordinaria e acadaron dous podios. Alan Cores Duarte conseguiu a segunda posición na categoría de “recurvo” en alevín masculino, demostrando unha vez máis o seu compromiso e habilidade. Pedro Álvarez Pailos, na categoría xúnior, tamén logrou o título de subcampión, tras unhas eliminatorias vibrantes e cheas de emoción.
Hai que destacar o traballo e a entrega do resto dos arqueiros, do “Flechas por un tubo”, que competiron con esforzo e paixón, deixando claro que o futuro do club está cheo de promesas e novas metas por alcanzar.
Dende o club, envían, “moitas forzas a todos os nosos arqueiros que, por diversos motivos, non puideron asistir nesta ocasión. Esperámosvos nos próximos campionatos para seguir sumando xuntos”.
O clube cormelán volta esta vindeira fin de semana a competición e farao coa participación dos máis pequenos no “II Torneo de Nadal”, que terá lugar no Pavillón de Corme.
-Fotos : Club “Flechas por un tubo”
-Texro : Xosé Búa “Pirata/Pedro Álvarez