Éxito total e sen precedentes no retorno da
tradicional Festa do Congro de Muxía
Milleiros de persoas puideron desfrutar do que está sendo a edición máis multitudinaria que se recorda.
Servíronse máis de 1000 kg de congro en empanada de millo e trigo, en salpicón e a prancha.
Para a xornada de hoxe, o paseo marítimo acollerá desde as 13:00 h a degustación do mexillón, así como a Sesión Vermú e Verbena a cargo de Dúo Charada.
Esta XXIV edición da Festa do Congro de Muxía tiña todos os ingredientes para converterse nunha cita moi especial, e así está a ser.
Por ser a primeira exaltación gastronómica da Costa da Morte tras o período pandémico, pola volta á normalidade e por ser unha festa reivindicativa en defensa dos secadoiros de congro do municipio.
A celebración comezou ás 13:00 horas do venres, 15 de abril, coa degustación do congro en especialidades no porto de Muxía ao que acudiron milleiros de persoas para desfrutar da máis multitudinaria Festa do Congro que ser recorda ata a data.
A xornada gastronómica estivo amenizada polo grupo musical Xaramiños do Corporiño e posteriormente o público gozou a ritmo sesión vermú do Dúo Charada.
Na quenda vespertina, os milleiros de persoas bailaron e gozaron coas actuacións en directo do Combo Dominicano e posteriormente na discoteca móbil Mega CDC.
Para hoxe, sábado 16 de abril, desde as 13:00 h o paseo marítimo acollerá a degustación do mexillón, así como a Sesión Vermú e Verbena a cargo de Dúo Charada no que se prevé tamén unha gran xornada de festividade coas rúas ateigadas de xente e gozando do mellor congro.
Todas as persoas visitantes tamén poderán gozar hoxe da mostra de artesanía en vivo na Casa das Beiras e da exposición dos secadoiros tradicionais de congro.
-Foto e Texto : Prensa Concello de Muxía