ESTE VINDEIRO SÁBADO O SPORTING ZAS CELEBRARÁ O SEU 50º ANIVERSARIO CON FÚTBOL, CONFRATERNIDADE, GALA E FESTA.

Sporting Zas: 50 anos de historia e paixón polo fútbol

Este sábado, 21 de xuño de 2025, o Sporting Zas celebrará o seu 50 aniversario cun completo programa de actividades que mesturan emoción, lembranza e festa.

Fundado en 1975, o Sporting Zas comezou a súa andaina na 2ª Rexional, a nosa querida Liga da Costa. Na tempada 1989-90, o club proclamouse campión desta liga, logrando o ascenso a 1ª Rexional. Dous anos despois, acadaría o seu teito competitivo: o ascenso á Preferente Norte.

Un dos fitos máis lembrados na historia do club foi na tempada 2005-06, cando se proclamou campión da Copa da Costa, derrotando ao SD Castriz en ambos encontros da final (0-1 e 4-0), que daquela se xogaba a dobre partido.

Na presente tempada, o Sporting Zas logrou un novo éxito: proclamouse campión da 3ª da Costa e regresará á Liga da Costa tras un ano na “cincenta” do fútbol costeiro.

Un sábado para celebrar, lembrar e desfrutar

Os actos conmemorativos comezarán cun emotivo encontro “In Memoriam” de Fatino, xogador histórico do club, moi querido e estreitamente vinculado ao Sporting Zas, falecido durante a pandemia da COVID-19, debido a un paro cardíaco. O partido disputarase no San Andrés, feudo zacista, e enfrontará ao Sporting Zas de veteranos contra o RC Deportivo de Veteranos.

A continuación, celebrarase unha sesión vermú coa actuación de Judith Cundíns, mentres os máis pequenos poderán desfrutar de inchables no campo.

Despois, terá lugar un xantar popular, con este delicioso menú, (para os que previamente colleron os abrigatorios tickets) :

Empanada

Polbo á feira

Xamón ao forno con patacas e salsa de champiñóns

Postre, café e chupito

Bebidas incluídas

Ás 18:00 h celebrarase a Gala Conmemorativa “50 anos do clube”, que dará paso ao tardeo coa música do grupo Impacto e o DJ Expósito.

Para poñer o broche de ouro a esta gran xornada, a festa continuará ata que o corpo aguante da man do DJ Tinchinho.

“A nosa máis cordial noraboa a todas as persoas que forman parte do Sporting Zas ao longo destas cinco décadas, e un sentido recordo para todos aqueles que xa non están pero que sempre sentiron estas cores con orgullo”.

Parabéns, Sporting Zas! …Por 50 anos de historia, loita e paixón!.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”