ESTE MÉRCORES TERCEIRA PACHANGA DO DEPOR PARA LOGO VIAXAR A ALEMAÑA.

O Dépor continúa collendo ritmo de competición nunha pretempada que xa deixou boas sensacións nas dúas primeiras probas. Tras a goleada por 0-4 fronte á SD Compostela, con tantos de Gijselhart, Chouri por partida dobre e Kevin Sánchez, e o empate sen goles diante do Real Oviedo, nun choque máis plano e conservador, o conxunto branquiazul afronta agora unha nova esixencia.

Mércores en Vilalba

A próxima parada será este mércores 29 de xullo, ás 19:30 horas, no campo da Magdalena de Vilalba, onde os de Óscar Gilsanz medirán forzas co CD Lugo nun derbi galego que servirá para seguir afinando a maquinaria antes da recta final da preparación estival.

O encontro poderá seguirse en directo a través da primeira canle da TVG e tamén na canle oficial de YouTube do Deportivo,  8coma todos os que restan), unha oportunidade perfecta para que a afección continúe de preto a evolución do equipo neste verán.

A partir de aí chegarán as probas de maior nivel internacional. O Dépor visitará o FC St. Pauli o sábado 1 de agosto (18:30 horas), enfrontarase á ACF Fiorentina o xoves 6 de agosto (20:00 horas) e, xa con horario confirmado, xogará contra o Genoa CFC o sábado 8 de agosto ás 20:45 horas no histórico estadio Luigi Ferraris. A pretempada pecharase o mércores 12 de agosto (21:00 horas) en Riazor, coa disputa do Trofeo Teresa Herrera diante do Real Madrid CF.

-Calendario da pretempada-

SD Compostela 0-4 Deportivo, (Gijselhart, Eddahchouri (2) e Kevin Sánchez)

Real Oviedo 0-0 Deportivo

Deport – CD Lugo | Mércores 29 de xullo | 19:30 horas | A Magdalena (Vilalba)

FC St. Pauli – Depor | Sábado 1 de agosto | 18:30 horas | Millerntor Stadion (Hamburgo)

ACF Fiorentina – Depor | Xoves 6 de agosto | 20:00 horas | Stadio Curva Fiesole

Genoa CFC – Depor | Sábado 8 de agosto | 20:45 horas | Stadio Luigi Ferraris

Depor – Real Madrid CF | Mércores 12 de agosto | 21:00 horas | Estadio de Riazor. (Trofeo Teresa Herrera).

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto : RC Deportivo