Facendo o saque de honra na homenaxe que lle fixo o Muxía CF na Copa 2016/17.
A nosa web, o noso mar e o fútbol da costa está de loito polo pasamento repentino este pasado martes de Juan Ramón Búa Lema, un pai, un amigo, un home de mar e do noso fútbol, unha persoa moi querida por todos. Con pouco máis de 7 anos tivo que comezar a traballar no mar trala morte do seu pai de 28 anos no 41 no Hospital Militar de Ferrol, cando a sua nai “Lola do Burro” contaba con 28 anos e 3 fillos, ela a vender peixe e o trueque polas as aldeas, e él o maior de 3 irmáns a traballar con homes que podían ser seus pais ou avós por idade. Con tan só 17 xa tiña a sua embarcación para ir faenar a remo e a vela, co paso dos anos foi prosperando e chegaron pequenos barcos coma o “Pepiña” que tras ir o fondo refrotouse e convirteuse no “Nueva Pepiña”, co seu socio e amigo Ramón Vilela, para logo facer o “Os Ramóns” e logo unir o “Pirata” e na actualidade o “Pirata II”. Toda unha vida traballando no mar ata a sua xubilación e logo seguir ata a sua morte con 86 anos e pouco máis de 3 meses, armando e reparando os aparellos do barco, e tódolos asuntos de terra, deixounos pleno de saúde repentinamente e nada ocupará ese oco.
No fútbol foi un dos que axudou a fundar o Mugía CF, que nos 80 se convirtiría no Muxía CF, xunto cun grupo de amigos con Aurelio González de presidente comezaron a facer realidade un desexo dos muxiáns, ter un equipo en Muxía como xa o había en Quintáns, (o San Isidro), e o que seguían cada semana. Eran tempos de ir o mar día e noite e sen festivos, nada máis cos que marcaban os actos relixiosos, pero había tempo de ir co equipo polos campos da costa. Sua foi a idea de falar cos donos dos terreos da Camposa para facer un campo de dimensións regulamentarias, xa que o “Campo das Piñas”, na zona da “Arliña” non daba esas condicións. Falaron no que era o seu centro de reunión a “Taberna de Currás”, e falouse cos propietarios que estiveron de acordo. Todo o pobo se uníu a sacar as pedras das paredes das hortas e facer o inmenso rectángulo de xogo e o ter o mar a un paso por unanimidade déronlle o nome de “Beiramar”.
O das cores do equipos, (camisola vermella e pantalón azul), ven da grande amizade co doutor muxián Eduardo Toba, pois era para eles que o seu veciño e amigo fose o Seleccionador Nacional de Fútbol, por iso colleron as cores do combinado nacional. Dende sempre e ata sempre foi socio do equipo muxián o cal fai uns anos o homenaxeou. Daquela época agora só nos queda Nucho de Mariana que fora o secretario do clube ao estar traballando nun banco e saber de finanzas e ter máis tempo para levalas. Tamén foi fervente do Deportivo da Coruña, ao que xa ía a ver en Riazor cos seus amigos da “Peña da Fame”, unha peña que pasaba calquer cousa menos fame, pois o nome víñalle polas lupandas que orgañizaban. Xa o ían a ver cando o RC Deportivo deambulaba pola Terceira División. Gran sufridor do noso querido Depor.
Tamén foi socio do SD Camelle no que é presidente o seu consogro Luis Romaní e vicepresidente o fillo do mesmo nome, así coma xogadores do equipo Roi e Paulo, que tamén o foron dende a categoría de benxamíns do Muxía CF e actualmente o seu neto, Isma Romaní, que é xogador dos infantís do clube muxián. Polo tanto foisenos unha persoa moi querida por todos os que somos parte dél, por todos aqueles que viven que aprenderon, ou andiveron a andar o mar con él, e por tódolos que o coñeceron no mar tanto de Muxía coma dos pobos dos arrededores.
No apartado relixioso, era unha persoa moi relixiosa que non faltaba nunca no Santuario da Barca e tamén seguía dende neno a tradición de non perderse as misas do Cristo de Fisterra, Espirito Santo de Camelle, Carme de Moraime e San Isidro de Quintáns. Foisenos unha enciclopedia da historia de Muxía e da nosa costa con 8 décadas de datos, recopilacións e cariño. Sempre estarás con nós…Descansa en paz.