O Deportivo inicia a negociación dun novo convenio coa Federación de Peñas nun contexto de tensión coa afección
O RC Deportivo comunicou á Federación de Peñas a súa intención de resolver o actual convenio de colaboración entre ambas entidades e abrir un proceso de negociación para establecer un novo acordo adaptado á situación actual do club.
A comunicación, asinada polo conselleiro delegado do clube, Massimo Benassi, establece que o convenio vixente quedará extinguido a partir do próximo 7 de agosto, unha vez transcorridos os 30 días de preaviso recollidos no propio documento. Ademais, o club solicita á Federación de Peñas que designe nun prazo de dez días ás persoas que actuarán como interlocutoras nas negociacións do novo convenio.
Segundo traslada o RC Deportivo, o obxectivo é elaborar un acordo “adaptado á realidade actual do club, ás novas necesidades organizativas e de cumprimento normativo en todos os seus aspectos, así como ás mellores prácticas en materia de relación coa afección e as peñas”.
Este movemento prodúcese nun momento de malestar entre parte da masa social deportivista, especialmente entre os afeccionados que ocupan a Grada de General, (Maratón Inferior), debido ás condicións establecidas para a renovación dos abonos nesa zona do estadio. Entre as medidas que xeraron máis críticas atópanse a obrigatoriedade de realizar a renovación de maneira presencial, (cousa que a moitos socios faiselle fartamente complicado por ser de lonxe da Coruña), e a sinatura dun documento de aceptación de normas de conduta específicas.
Neste contexto, a apertura das negociacións para un novo convenio entre o club e a Federación de Peñas chega nun momento especialmente sensible nas relacións entre a entidade branquiazul e unha parte da súa afección, como se puido ver na asemblea do pasado xoves e no pulso que se vive nas redes e no día a dia nos pobos. Con todo isto, está previsto que ambas partes inicien nas próximas semanas os contactos para definir o marco de colaboración que substituirá ao actual acordo.
O Deportivo supera os 5.300 abonados renovados nos primeiros días da campaña
A campaña de abonados do RC Deportivo continúa avanzando a bo ritmo e xa deixou unha primeira cifra significativa. Apenas dous días despois da súa posta en marcha, a entidade branquiazul confirmou que xa son 5.395 os socios que renovaron o seu carné para a tempada 2026-27, a do regreso do equipo á Primeira División.
O dato foi difundido polo propio club e reflicte a resposta inicial da masa social deportivista nun verán marcado pola ilusión de volver competir na máxima categoría do fútbol español. A cifra chega ademais nun contexto no que parte da afección expresou o seu desacordo con algúns aspectos da nova campaña, tanto polos prezos establecidos como por determinadas condicións vinculadas á renovación dos abonos, polo que de non pasar isto os renovados poderían ser moitos máis.
O Deportivo lembra que os socios da pasada tempada conservarán a reserva da súa localidade ata o 26 de xullo, data límite para completar a renovación a través da plataforma en liña. No caso das renovacións mediante transferencia bancaria, o prazo rematará uns días antes, concretamente o 23 de xullo ás 13.00 horas.
Unha vez finalizado este período, os asentos que non sexan renovados pasarán a quedar libres para a súa reasignación. Isto permitirá atender solicitudes de cambio de localidade, modificacións de modalidade de abono e tamén a incorporación de novos afeccionados procedentes da lista de espera, que continúa acumulando miles de peticións.
A maior parte dos trámites estanse realizando de forma telemática a través da páxina web oficial do club. Non obstante, a atención presencial segue dispoñible para resolver incidencias ou para determinados casos específicos. Entre eles atópanse os abonados da grada de Maratón Inferior, que deben completar un procedemento de identificación persoal para formalizar a súa renovación, que está a ser un gran motivo de controversia.
Co prazo aínda aberto durante varias semanas, o RC Deportivo continúa sumando adhesións nunha campaña chamada a converterse nunha das máis relevantes dos últimos anos pola volta do equipo á elite do fútbol estatal.
Tres deportivistas conquistan Europa coa selección española sub-19
O fútbol feminino do Deportivo volve estar de celebración. As xogadoras Lucía Rivas, Paula Redruello “Redru” e Ainoa Gómez formaron parte da selección española sub-19 que este venres se proclamou campioa de Europa tras superar a Alemaña por 1-0 na final disputada en Sarajevo (Bosnia e Hercegovina).
O combinado español levantou o trofeo despois dun encontro moi igualado que se decidiu no minuto 60 grazas a un tanto de Irune Dorado, que aproveitou un saque de esquina para bater a porteira alemá. España levou o peso do partido durante boa parte dos noventa minutos e dispuxo de numerosas ocasións para ampliar a vantaxe, aínda que o marcador xa non se movería.
Para o deportivismo, o éxito ten unha relevancia especial pola presenza de tres futbolistas vinculadas ao club coruñés na convocatoria campioa. Lucía Rivas e Redru formaron parte da expedición española, mentres que Ainoa Gómez, unha das incorporacións máis recentes do Deportivo, tamén contribuíu ao camiño cara ao título continental.
A conquista do campionato confirma o dominio da selección española nesta categoría. Co triunfo ante Alemaña, España suma a súa quinta Eurocopa sub-19 consecutiva e a oitava da súa historia, ampliando así un rexistro sen precedentes no fútbol feminino europeo.
Ainoa Gómez, ademais, completou un torneo destacado, rematando entre as máximas goleadoras da competición con tres tantos.
O éxito das tres futbolistas supón un novo motivo de orgullo para o Deportivo e un recoñecemento ao traballo que se vén realizando no fútbol feminino, cunha representación destacada nunha selección que continúa marcando unha época no panorama europeo.
–
-Fotos : RC Deportivo
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
–


