ENTREVISTA A RUBÉN GARCÍA, ADESTRADOR DO LARACHA CF : “O obxectivo do club é regresar a Preferente e faremos todo o posible para que así sexa”.

Rubén o día da sua presentación.

 

Aquí tedes unha entrevista co estordense, Rubén García, novo adestrador do Laracha CF, e que nos explica tódolos interrogantes de cara o futuro do clube larachés, do que tamén foi presentado a principio de Xuño como Coordinador do Fútbol base. Duas facetas diferentes e as que, segundo nos comenta : “Voume entregar, con adicación máxima”.

A Rubén entusiasmo e gañas de devolver ao Laracha CF a Preferente, da que descendeu poo asqueroso sistema de competición diseñado pola RFGF, un sistema do que son unha enorme cantidade de equipos, que protestaron e criticaron.

David Dopico renovado

Despois da entrevista chéganos dende o clube larachés o aviso da renovación de David Dopico Rodríguez (31/5/2001). Xogador que o pasado verán chegou á disciplina do Laracha Club de Fútbol procedente do Sofán, equipo co que ascendeu de Preferente a Terceira RFEF. O central destro con familia na Laracha formouse nas categorías inferiores do Bergantiños xogando en División de Honra Cadete e en Liga Galega Xuvenil.

 

ENTREVISTA A RUBÉN GARCÍA

 

PRECEDENTES

“O Laracha deume a oportunidade de xogar en Preferente nas miñas primeiras temporadas senior. Cheguei da man de Braulio e puiden aprender moito dun adestrador como Cambón, ó que lle teño un gran aprecio. O Laracha tamén foi importante na miña carreira como adestrador. Aquí din os meus primeiros pasos adestrando a Alevín, Infantil e Xuvenil. Regreso a un club histórico que non está a atravesar o seu mellor momento por diferentes circunstancias pero non podo negar que me fai ilusión iniciar un proxecto co que poder aportar o meu gran de area. Necesitamos o apoio de moitos estamentos para devolver o primeiro equipo e a canteira a onde debe estar”.

OBXECTIVO

“Pecar de soberbia sería un gran erro. O Laracha non estaba en Primeira desde fai 30 anos e o primeiro paso ten que ser asimilar esta categoría e asumir que seremos un equipo máis. O obxectivo do club é regresar a Preferente e faremos todo o posible para que así sexa. Asumo esa responsabilidade sendo consciente da dificultade que ten ser campión nunha liga na que haberá varios equipos co mesmo obxectivo. Ascender é complicado en calquera categoría. Aínda así, non entendo como algo negativo a esixencia por parte de directiva e socios en canto a obxectivos. O nivel dos xogadores que consigamos renovar e incorporar tamén será importante á hora de marcar unha meta”.

IDEA DE XOGO

“Sen coñecer aos xogadores cos que poderemos contar é difícil definir un modelo. Gustaríame poder confeccionar un plantel que combine xuventude con experiencia e contar con xogadores de bo nivel técnico para tratar de ser un equipo protagonista co balón e valiente defensivamente. Trataremos de que continúen moitos dos futbolistas que ofreceron un bo rendemento esta tempada, contar cos xogadores máis destacados do equipo Xuvenil e apuntalar a plantilla con futbolistas que veñan para subir aínda máis o nivel”.

PLANTILLA

“Son consciente de que hai equipos de Preferente interesados en varios dos xogadores do equipo. É algo lóxico porque o Laracha fixo unha gran fase de permanencia. De feito, tivo opcións de salvación ata a última xornada e concluiu a tempada gañando a Copa da Coruña. Alejandro fixo un gran traballo conseguindo que o equipo evolucionase moito tanto a nivel individual como colectivo e de aí a importante mellora de resultados. Gustaríame que os xogadores que medraron ata ser importantes este ano en Preferente continuasen apostando polo Laracha. O primeiro paso será tratar as renovacións e, a partir de aí, valoraremos as fichaxes en función das necesidades que teñamos. Non me gustaría ter unha plantilla con demasiados xogadores. O Laracha ten que dar saída a rapaces da canteira sempre que sexa posible e unha plantilla do primeiro equipo con máis de 20 xogadores pecharíalles as portas”.

CORPO TÉCNICO

“Un dos aspectos que máis me motiva deste proxecto será poder contar cun grupo de traballo completo, que non garantiza bos resultados pero que permitirá dotar de máis posibilidades ao equipo. Fran Pérez (ex Betanzos) será a miña man dereita como preparador físico. Nos próximos días poderemos confirmar o resto do staff: segundo, adestrador de porteiros e fisioterapeuta. É de agradecer que o club valore e faga un esforzo na aposta por un bo corpo técnico que nos dará máis calidade de adestramentos e máis opcións no traballo semanal”.

A LIGA

“Hai varios equipos da zona de Ferrol (Miño, Narón, Cedeira…) que están a fichar xogadores de Preferente e que serán candidatos ó ascenso. Descendeu de Preferente o Boimorto, que é un equipo moi competitivo e difícil de superar no seu campo. A idea de xogo do Olímpico encantoume na semifinal de Copa. Brexo e Ural deron un gran nivel esta tempada. O Club do Mar chegou á final de Copa por méritos propios eliminando a dous favoritos como Paiosaco e San Tirso. O Carral ten moi bos xogadores. Será unha liga interesante e moi igualada”.

CLUB

“Hai equipos que só reciben apoio cando as cousas van ben e esa non debe ser a situación do Laracha. Foi moi bonito ver a grada de Riazor de cor vermella na final da Copa da Coruña. Todo é máis fácil cando os socios e os seguidores están preto do equipo e así debería ser nos partidos do primeiro equipo a próxima tempada. Iso non garantiza o éxito pero si axuda, e moito. Que o club sexa unha gran familia só repercutirá positivamente nos diferentes equipos”.
COORDINACIÓN E ADESTRADOR DO PRIMEIRO EQUIPO

“Son dúas parcelas independentes. Comecei o meu traballo como coordinador o 1 de xuño. Tivemos unha presentación para explicar a xogadores, pais e adestradores como será a próxima tempada e estiven en dous torneos (Sofán e San Pedro) nas dúas últimas fins de semana para familiarizarme cos equipos de fútbol 8. Seguiremos dentro duns días co Campus de Verán que será nas dúas primeiras semanas de xullo. En canto á opción de adestrar o primeiro equipo, xurdiu en conversacións co presidente nos últimos días. Como dicía, son dúas parcelas diferentes e en ambas a dedicación será máxima e asúmoas co mesmo grao de importancia”.

-Foto e Texto : Comunicación Laracha CF
-Texto : piratasdemuxia/Rubén García