ENROLES 2026/27 : “Cuarta chegada : Lorenzo Amatucci, xuventude, talento e presente para a medular do Dépor”.

O Depor continúa dando pasos firmes na confección do seu cadro para o regreso á Primeira División e este mércores fixo oficial o clube a incorporación do centrocampista italiano Lorenzo Amatucci, que chega do UD Las Palmas onde estaba cedido pola Fiorentina e queda vinculado á entidade branquiazul ata o mes de xuño de 2031.

Con apenas 21 anos, o futbolista nacido en Arezzo, (Italia), chega a Riazor convertido nunha das apostas de futuro máis interesantes do mercado, pero tamén cunha experiencia que, malia a súa mocidade, xa comeza a ser importante tanto no fútbol italiano como no español.

O novo xogador deportivista desembarca na Coruña tras completar unha notable campaña na UD Las Palmas, onde foi un dos futbolistas con máis protagonismo ao longo do curso. O centrocampista participou en 42 encontros oficiais e repartiu catro asistencias, converténdose nunha peza habitual nos plans técnicos do conxunto amarelo.

Antes da súa aventura no fútbol español, Amatucci formouse nunha das canteiras máis prestixiosas de Italia, a da ACF Fiorentina, onde destacou especialmente no Campionato Primavera, considerado unha das competicións de formación máis importantes do país transalpino.

A súa progresión levouno posteriormente á Serie B, onde foi acumulando minutos e experiencia tanto na Ternana como na US Salernitana, sumando máis de medio cento de partidos na categoría e demostrando unha madurez pouco habitual para un xogador da súa idade.

A nivel internacional, tamén é un futbolista habitual nas categorías inferiores da selección italiana. Defendeu a camisola azzurra nos combinados sub-18, sub-19 e sub-20, acumulando un total de 24 internacionalidades e confirmando que desde moi novo foi considerado un dos talentos emerxentes do fútbol italiano.

No aspecto futbolístico, Amatucci destaca pola súa capacidade para dirixir o xogo desde a medular, a súa intelixencia táctica e a facilidade para ofrecer saída ao balón. É un centrocampista con criterio, capaz de asumir responsabilidades na construción do xogo e cun importante percorrido no traballo defensivo.

Co seu fichaxe, o Deportivo incorpora unha peza de presente e tamén de futuro para unha posición clave nunha tempada que se presenta especialmente esixente. A dirección deportiva continúa así apostando por futbolistas novos, con marxe de crecemento e experiencia competitiva, nun proxecto que busca consolidarse de novo entre os mellores do fútbol español.

A partir de agora, Lorenzo Amatucci terá por diante o reto de conquistar Riazor e de demostrar sobre o céspede por que o Dépor apostou forte por el ata 2031. Un novo talento italiano que xa viste de branquiazul e que chega disposto a escribir a súa propia historia na Coruña.

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”