Arredor dun milleiro de afeccionados déronse cita na asemblea convocada pola Federación de Peñas, Riazor Blues e Old Faces para expresar o seu desacordo coas novas condicións impostas polo RC Deportivo aos abonados da bancada de General, (Maratón Inferior), así como coa subida dos prezos dos abonos anunciada polo club para a próxima tempada.
A mobilización chega nun momento de grande debate entre o deportivismo, tanto nas redes sociais como nas conversas do día a día, onde moitos afeccionados cuestionan a decisión da entidade branquiazul de esixir aos socios desta bancada unha renovación presencial e a sinatura dun documento con normas específicas de comportamento, unhas condicións que non se aplican ao resto das zonas do estadio de Riazor, o que fai que resone un dictame xeralizado : “Discriminación”.
Na asemblea a carón da mítica Torre de Maratón, onde están as entradas a grada de debate, o primeiro en tomar a palabra foi un representante de Old Faces, quen denunciou o que considera unha “discriminación e criminalización inadmisible” cara aos afeccionados de Fondo Maratón. Segundo explicou, a información da que dispón o colectivo apunta a que “as medidas adoptadas responden a unha decisión unilateral do club e non a unha esixencia ou presión por parte de LaLiga, como se chegou a especular”. Ademais, cualificou de “abusiva a subida dos prezos dos abonos”, principal motivo da convocatoria da asemblea. Tamén anunciou que están “a traballar cun equipo xurídico para analizar a situación” e que, unha vez conten cunha valoración legal, darán a coñecer as súas conclusións a través das redes sociais.
Posteriormente interveu un representante de Riazor Blues, cun discurso máis emotivo e próximo aos asistentes. O portavoz asegurou que o único que reclaman é recibir o mesmo trato que calquera outro grupo de afeccionados do Deportivo. “Non pedimos privilexios, pero tampouco aceptamos ser tratados peor ca o resto”, foi a idea central da súa intervención. Ademais, afirmou que o club lles ofreceu “a posibilidade de acceder a abonos cun prezo inferior a cambio de aceptar as novas medidas”, unha proposta que, segundo explicou, foi rexeitada polo colectivo.
O encargado de pechar a quenda de intervencións foi Luis Martínez, presidente da Federación de Peñas, quen incidiu na mesma liña argumental dos anteriores participantes. O representante federativo destacou que “Fondo Maratón non é unha grada de animación convencional, como sucede noutros estadios, senón un espazo no que conviven perfís moi diversos de afeccionados”. Tamén avanzou que é probable que durante a próxima semana se “convoquen novas mobilizacións”, polo que pediu aos seguidores que permanezan “atentos ás canles oficiais e ás redes sociais dos colectivos convocantes”.
Un dos aspectos nos que coincidiron os tres oradores foi na necesidade de “manter a unidade entre os afeccionados de todas as bancadas de Riazor”. Os representantes dos colectivos insistiron en que a resposta do deportivismo debe ser “conxunta para trasladarlle ao club a súa preocupación” polo trato que consideran que se está a dar a unha parte da masa social branquiazul.
A polémica continúa medrando entre a afección deportivista, que segue dividida entre quen apoian as medidas impulsadas pola entidade e quen consideran que supoñen unha diferenza de trato inxustificada para os socios de Fondo Maratón. Mentres tanto, o conflito ameaza con manterse aberto nas próximas semanas á espera de posibles novidades tanto por parte do club como dos colectivos afectados.