Extensa e emotiva carta de despedida a que fixo José Ángel Jurado para despedirse do Depor, de tódolos que compartiron con él no club e na cidade e da afección. Unha carta que amosa a clase de persoa que é e que foi durante a sua estanza no equipo. Foi un dos artífices de que o Depor primeiro ascendese da Terceira da merda, logo de manterse na Segunda e posteriormente de ascender a Primeira. Dentro do campo cando tiña a oportunidade e desde fora dél cando non xogaba, sendo un afeccionado máis que animaba aos compañeiros, no vestiario e desde a banda.
Desde Os Piratass de Muxía e www.piratasdemuxia.es o noso maior desexo de que todo lle vaia do milloriño no futuro e gracias enormes por todo o que nos dou. José Ángel Jurado é “un deportivista para a vida”.
Carta de despedida
Non sei se aínda teño forzas suficientes para poder escribir estas liñas, pero non quero que pase máis tempo e poder pechar este capítulo da miña vida que foi tan importante.
A nivel futbolístico, sempre soñei con conseguir que este club estivese no lugar que lle corresponde, que non é outro que a Primeira División. Quizais era inxenuo ou demasiado soñador, pero non había día que me deitase sen pensar que volvería ver o Dépor onde merece estar, e aínda estabamos en 1ª RFEF!
Marcho cheo de recordos, de momentos imborrables e inesquecibles, e de sentir o cariño de todos vós. Grazas a todas as mostras de apoio e a cada encontro pola rúa, souben desde o primeiro día o que significa pertencer a este club. Nunca imaxinei chegar a sentir algo así por ningún club, pero está claro que o Dépor é especial e, aínda que mo advertiron moitas veces, ata que non o vives desde dentro non tes a capacidade de entendelo.
Ata o pasado luns, que foi a última vez que vestín esta camiseta, deino todo polo club. Nunca me gardei nada, levei o meu corpo ao límite durante un tramo desta aventura e non me arrepinto. Marcho coa conciencia tranquila e coa alma en paz por ter dado todo de min e todo o que teño por este escudo e por esta afección.
Obviamente, non podo deixar de agradecerlles a todas as persoas que pertencen ao club e que o rodean, a todos os traballadores de todos os ámbitos, desde o presidente ata o último traballador de Abegondo.
Teño que facer algunhas mencións especiais, como aos meus tres tesouros, que tan ben nos coidan diariamente: Montse, Belén e María; ao equipo de comunicación que nos acompaña día a día, Susi, Laura, Sergio, etc.; ao señor delegado Pablo Barros, por rirmos cada vez que nos miramos; ao meu querido Tigre, Joaquín Sorribas, que é tan importante e tanto me axudou; a toda a utilería, sen esquecerme do meu gran Suso; ao corpo médico na súa totalidade e a todos os corpos técnicos cos que me atopei, encabezados por Imanol, Óscar e Antonio.
A todos e cada un dos meus compañeiros cos que tiven o pracer e o privilexio de compartir estes tres anos: nunca imaxinei cruzarme con tan bos futbolistas que, á súa vez, fosen excelentes persoas. Todos estaredes no meu corazón e sempre, sempre vos desexarei o mellor.
Por último, a nivel futbolístico, aínda que xa o mencionei antes, teño que darvos as grazas de corazón a vós, AFICIÓN.
Grazas por cada día, cada partido, cada momento, bo e malo, no que sempre estivestes aí. Grazas por poñerme a pel de galiña cada vez que vos sentía e saía xogar a Riazor, e grazas por ese respecto que sentín cara a min e cara á miña familia durante todos estes anos.
A palabra que máis utilizaría para definirvos sería lealdade, que para moitos se di rápido e doadamente, pero vós demostrastes o que significa poñéndoa en práctica durante tantos anos.
Non fai falta dicir que sempre serei un deportivista máis, alá onde estea, e que no futuro gustaríame poder vivir un partido en Riazor como un afeccionado máis e ver que se sente desde o outro lado.
E agora tócame despedirme a nivel humano e familiar, xa non só da cidade da Coruña, senón de todas as persoas que coñecemos e que gardaremos no noso corazón para sempre.
Esta cidade sempre será especial porque foi onde naceu a miña pequena Carmen e onde o meu Fabio fixo tantos avances e medrou tan ben e tan rápido grazas ás persoas que atopamos neste camiño.
Foron felices, fomos realmente felices, e encantaríame que o seguísemos sendo alá onde vaiamos, porque somos unha familia unida e un equipo estupendo.
Quero darlles as grazas a todas as persoas que nos axudaron desde que estamos aquí e, sobre todo, aos meus dous pequeniños.
Non podo deixar de mencionar o Colexio Escolapios de Calasanz, por recibir e axudar tanto diariamente o meu Fabio. Grazas a David, Iria, Belén, o profe Luis, Mónica, Araceli, Almudena e á «seño Ale», como a chama Fabio, por axudalo tanto. E a todas as persoas que forman parte deste colexio.
Non vos podedes facer unha idea do agradecidos que nos sentimos por saber que Fabio estaba nas mellores mans, por ver como o axudabades día a día e por querelo tanto, igual que todos os seus compañeiros e compañeiras de clase, que sempre o axudaron.
Á escola infantil Os Pekerrechos, a Paula, por axudarnos sempre; a Mabel, Nuria, Valeria e á nosa querida seño Luci, que creo imposible que a miña Carmencita poida esquecerse de vós; e a todas as persoas que traballan aquí. A todos os seus amiguiños e amiguiñas da clase.
Ver os nosos fillos felices cada vez que ían aos seus colexios, e todo o que nos contan e fan, fai que nós, como pais, saibamos que estaban nas mellores mans; non só polo bos profesionais que sodes, senón polas grandísimas persoas que sodes e polo enorme corazón que tedes.
Ao centro de Terapias Hércules CDI, a Fabi, Dani, Eli, María e Isa.
Boto a vista atrás, cando Fabio foi por primeira vez, e vexo todo o que traballou e gozou con vós, todo o que progresou e o feliz que foi. É imposible non darvos infinitas grazas por todo o que fixestes por el.
Ao seu querido «profe Raúl», por axudalo, querelo e ensinarlle tanto.
E á nosa amiga «Albita», que se converteu en alguén tan especial durante todo este tempo, cun corazón tan grande no que cabiamos todos. Será imposible non seguir en contacto por todo o que te queremos e apreciamos.
Hai moitísimas persoas máis que levaremos connosco. Nomealas a todas sería non acabar nunca, pero GRAZAS a todos por facer que sintamos A Coruña como o noso fogar, e iso nunca cambiará nos nosos pensamentos.
En fin, péchase esta etapa tan bonita e tan chea de experiencias. Sempre vos levaremos no corazón e volveremos para lembrar onde fomos tan felices durante estes tres anos.
Forza Dépor! 💙🤍