DURO E ACLARATIVO COMUNICADO DO RC DEPORTIVO AS VERBAS DE MIGUEL OTERO.

Xa tardaba en chegar a contestación do RC Deportivo as verbas de Miguel Otero da pasada semana e continuadas nunha entrevista a Axencia EFE nesta e nas que o concelleiro afirmaba que o consello de administración ía venderlle o club a ABANCA e que a débeda era moi inferior o que se decía e bastaría con vender patrimonio, coma o Playa Club”, para pagar a débeda. Tardou en chegar a resposta e chegou, dura con Miguel Otero, e clarificadora en canto aos números do clube.

 

COMUNICADO RC DEPORTIVO

O presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal Raposo, e os conselleiros Juan Antonio Armenteros Cuetos, José Luis Queijeiro Fuentes, Manuel José Vázquez Martínez, Federico García Poncet, Argimiro Vázquez Guillén e Ricardo Javier González Fernández queren mostrar, en primeiro lugar, a súa sorpresa pola “Carta Aberta dun conselleiro deportivista” e posterior entrevista á axencia EFE difundidas polo conselleiro Miguel Otero Santín. O Club e o Consello de Administración dispoñen de canles internas establecidos para o debate, a exposición de discrepancias e a toma de decisións sobre todos os aspectos do día a día e a xestión da entidade, polo que sorprende a decisión de manifestarse publicamente do modo elixido.

Como é sobradamente coñecido, o Real Club Deportivo cumpre cos máximos estándares de transparencia avaliados por entidades independentes como Transparencia Internacional, sendo ademais unha das institucións, polo seu calado social e repercusión pública, sometida a unha maior cantidade de “luz e taquígrafos” sobre toda a súa actividade ordinaria e extraordinaria.

As afirmacións realizadas por este Conselleiro carecen do máis mínimo rigor técnico, non existe ningunha base para tales aseveracións e non se achega documentación algunha. Son simples preguntas ao aire que teñen respostas claras e facilmente contrastables por calquera Deportivista. Accionistas, socios e afeccionados poden estar tranquilos coa realidade económica do Club, porque non hai outra.

As contas anuais están sometidas ás correspondentes auditorías independentes, anuais e puntuais, ao exhaustivo control económico-financeiro da liga de Fútbol Profesional, practicándose tamén unha “Due Dilligence”. Todas estas análises externas reflectiron sempre, como resultado, a delicada saúde económica do Club derivada da débeda do Concurso de Acreedores. Non hai que esquecer tampouco que o ordenamento da débeda correspondeu á Administración Concursal. Ademais de claras, esas contas son públicas. Ponse a disposición dos accionistas e son analizadas polos medios de comunicación desde o mesmo día da convocatoria de cada unha das Xuntas Xerais con, polo menos, un mes de antelación.

A data de hoxe a débeda total do Deportivo ascende exactamente a 90,6 millóns de Euros máis intereses (outros 14,3 millóns de Euros). Dela, a parte máis importante, 77 millóns de Euros (intereses incluídos), corresponden a préstamos aos que hai que facer fronte nos próximos doce anos sen discusión de cantidades nin de vencimientos. Estes últimos, sumados ao pago do resto da débeda ordinaria e intereses á Axencia Tributaria, arroxan como resultado 98,9 millóns de Euros a abordar no período 2020-2032. Ademais desa débeda, o Patrimonio Neto da sociedade é negativo en 72,68 millóns de euros (a 30 de xuño de 2019 segundo a auditoria aprobada en Xunta Xeral de Accionistas). O Club carece de activos patrimoniais para facer fronte a esa cantidade. Máis concretamente, os activos patrimoniais do Club non serían suficientes, nin de lonxe, para facer fronte unicamente aos intereses da débeda.

Esta situación, xa de por si complexa, agravouse de forma importante nos últimos meses pola crise financeira causada pola COVID-19, o que sitúa ao Deportivo e ao sector futbolístico nunha encrucillada sen precedentes. Dentro de 15 días, e durante pouco máis de mes e medio, xogámonos unha das claves do futuro do Dépor, seguir militando no fútbol profesional español. Unha posibilidade de seguir vivos no terreo de xogo que á chegada deste equipo de goberno era case unha utopía que se conseguiu reverter coa unión e o esforzo sen fisuras de todos, cunha lealdade cara ao Deportivo que agora se pretende crebar sementando dúbidas sen expor certezas, nin alternativas, nin solucións reais aos supostos problemas.

É por iso que nos ratificamos no proxecto que expuxemos ao Deportivismo e co que nos presentamos ante todos os accionistas. Viñémolo plasmando desde a nosa chegada ao órgano de goberno da sociedade e segue sendo o único existente e posible nas circunstancias actuais do Club. Non hai outro plan. Desde o primeiro minuto entendemos o problema e traballamos para atopar a solución co respaldo do músculo financeiro de ABANCA. De non ser por el, por ese crédito participativo de 5 millóns de euros asinado a principios de 2020, o equipo estaría hoxe abocado ao descenso a Segunda División B e o Club, por extensión, á súa desaparición. Este préstamo permitiu ademais de reforzar o corpo técnico e o cadro, poder afrontar os gastos de temporada derivados da crise sanitaria. Non se trata dunha venda a ABANCA, é un rescate que obriga a unha capitalización para poder facer viable o Club. O que desexamos desde o Consello, e o que dixo insistentemente querer ABANCA, é que o maior número posible de accionistas e Deportivistas acudan á ampliación de capital dinerada, e non só participe a entidade financeira. Deste xeito, ademais, poderíase manter a actual estrutura accionarial e equilibrar o Patrimonio Neto.

Nesa liña de traballo, seguimos tendo a firme intención de volver construír un Dépor grande, de e para Coruña e os Deportivistas. Para iso, celebrarase unha Xunta Extraordinaria nas próximas semanas na que os accionistas decidirán se o camiño a seguir é o que deseñamos e presentamos na nosa folla de ruta.

Por iso entendemos que se o señor Otero non está en sintonía co ilusionante proxecto presentado para o Club está no seu dereito de deixar de formar parte do mesmo e de acudir directamente aos tribunais correspondentes. Se non, debemos lembrarlle que o seu deber é actuar sempre con lealdade e responsabilidade, obrando de boa fe e no mellor interese da Sociedade.

Por último, a título persoal, o presidente do Consello de Administración, Fernando Vidal, quere “pedir desculpas a todos os que apoian o proxecto do equipo que lidero polo erro cometido ao contar co conselleiro Miguel Otero a pesar das múltiples e case unánimes advertencias, dos comentarios negativos e das presións para que non o sumase a este grupo. Estou profundamente decepcionado pola súa actitude e síntome traizoado persoalmente. Creo que un Conselleiro ha de ter unhas miras bastante máis altas, deixar ao carón os intereses persoais e moverse só polos do Club, evitando en todo momento danar a imaxe desta entidade á que todos queremos”.

Temos por diante, nun curto espazo de tempo, retos deportivos, económicos e sociais claves para a supervivencia do Club. Por iso, aquí acábanse as disputas. Non imos converter isto no que, como Deportivistas, non queremos para o noso Club. Non imos permitir que mediante falsas acusacións e insinuacións xóguese coa estabilidade da entidade, a ilusión de toda unha afección e o futuro de moitas familias que dependen directamente e indirectamente do Real Club Deportivo. O único que imos facer é seguir traballando por tentar manter a categoría no campo, apontoar a estabilidade económica da sociedade no presente e no futuro, e recuperar a unidade social que sempre caracterizou á afección do Dépor e que converten ao Deportivismo no principal activo deste Club ao que a maioría, con feitos, demostramos querer.

¡Forza Dépor!

 

-Foto : piratasdemuxia.es

-Texto : RC Deportivo

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.