DURAS SANCIÓNS O CD BAIÑAS POLOS INCIDENTES DO PASADO DOMINGO EN CEE.

Paulo foi o peor parado nas sancións o CD Baiñas.

 

Como era de esperar e tras ler o acta arbitral o CD Baiñas recibeu un duro castigo polos incidentes acaecidos o pasado Domingo 29 de Setembro no encontro UC Cee-CD Baiñas. Un total de aproximadamente 23 encontros antre 5 xogadores, o máis mal parado o meta Paulo con 3 meses de suspensión, (12 partidos aproximadamente), Josér, (6), Diego, (4) e Santi Díaz, (1). O clube que preside Juan Silva presentou alegacións o acta que foron desestimadas.

Unhas sancións moi criticadas polos afeccionados baiñeses en especial por Dulce a nai do meta Paulo, ambos ex do equipo ceense, Dulce na diretiva e o rapáz baixo os paus. Tamén se expresaba o pai do dianteiro baiés Santi Días en repulsa do acaecido no campo contra os baiñeses.

O CD Baiñas tralo encontro do pasado Domingo comunicaba desta maneira a sua visión do acontecido no San Paio de Refoxos de Cee : “Hoxe a crónica non se reduce a xogadas, senón a cousas que nunca queremos ver nos campos. E nomes coma o de Daniel Martínez Ferreira, que tampouco nunca debería empuñar de novo un silbato se, coma hoxe, convírteo nun arma cargada de odio e sinrazón cara un equipo. Sentimos na alma estas verbas. Todo o mundo é susceptible de errar, de ter un mal día. Pero hai actuacións inclasificables que sabemos quedarán sen castigo, deuses de opereta barata que ninguén cuestiona aínda que arruinen ilusións e tumben homes cunha soa pitada. Nada máis que engadir. Avergonzados pola parte que nos toca, e sempre a carón dos nosos, un equipo que hoxe ganou, pero ao que non lle deixaron saír vencedor…Seguimos”.

 

 

Dulce nai do meta Paulo colgaba no seu FaceBook un duro texto cargado de moita emotividade ante a incredulidade vivida o pasado Domingo no campo ceense e a sanción desmesurada ao seu fillo :

“Quince anos de traxectoria intachable polos campos da Costa e fóra dela. Quince anos sen un antecedente violento nin irrespectuoso, de comportamento exemplar con compañeiros, rivais, colectivos arbitrais e afeccionados. Ninguén pode dicir o contrario de Paulo. E agora eses quince anos botáronnos a perder un psicópata e unha tropa de irresponsables, encabezados polo señor adestrador local, seguido do señor colexiado e rematado polo capitán e os xogadores do U.C. CEE, que non foron quen de facerlle un favor ao seu propio compañeiro e negarse a xogar con el no estado no que se atopaba. Despois enchen a boca presumindo dos valores do clube, pero é obvio que non teñen nin idea do que significan, incapaces sequera de estar á altura dos seus afeccionados, que o domingo en moitos casos botaron as mans a cabeza diante do feito polo xogador do seu equipo, incrédulos de que alguén no seu san xuízo o soltase ao campo coma un miura listo para levar por diante todo canto atopase. Moitos deses afeccionados desculpáronse con xogadores e xente de Baíñas, tamén comigo mesma, o que é de alabar e agradecer.

Fai un ano o señor presidente do Cee, cando se víu nunha situación de abuso arbitral, soubo buscarse a vida para conseguir o meu teléfono e chamarme para pedirme apoio mediático, que lle prestei gustosa aínda que en realidade non porque mo pedise, senón porque coñezo de sobra que algúns árbitros mediocres precisan alimentar o seu ego co sufrimento alleo. Desta volta, e á vista da demoledora acta arbitral que el vería coma min e que xa aveciñaba estas duras sancións, non ergueu o teléfono para preguntarme se precisaba algo de ese apoio que el recibíu desinteresadamente. Unha breve nota pública lamentado os feitos, e asumindo a parte de culpa que lles toca. Pero non foran a empañarse os valores! Coma santo remedio, oh, sorpresa! din a quen queira escoitar que ese xogador xa nunca vestirá de novo a insigne camisola do Cee. O resto de equipos da Liga poden estar contentos, serán os máis beneficiados, aínda que para Paulo e para o Baíñas chegue tarde. Do cinismo amosado por algúns que se chamaban amigos, xa nin comento. Capaces de apuñalar polas costas con tal de agochar a súa propia vergonza.

Din en pensar bastante estes días en Noé, adestrador do Fisterra no ano que Paulo xogou alí. Daquela, o equipo non era o de hoxe, senón que había entre 16-18 xogadores e cada semana era unha loita por evitar o descenso. Pero aínda así, vin a Noé quitando xogadores do campo aos dez ou quince minutos de estar dentro, sen importar se foran titulares ou suplentes. O que nunca vin é que lle temblase o pulso cando alguén estaba a facer de todo menos xogar ao fútbol. Sóbralle valentía e categoría, pero supoño que iso non o regalan co título.

Ogallá que iso de “vémonos nos campos” nunca volva a ser certo, porque se por min fose, hoxe mesmo Paulo colgaba os guantes para sempre. Non paga a pena tanta decepción. Nin paga a pena sentir este rencor e esta carraxe que levo sentindo toda a semana. Nin olvido nin perdón”.

Estas verbas de Dulce foron contestadas no seu favor por gran cantidade de afeccionados na sua conta de FaceBook.

 

RESTO DE SANCIÓNS

Pérdense o seguin tencontro :

-Isma Pazos, (Cabana SD), expulsado con dobre cartón amarelo.

-Miguel Martínez, (SCD Malpica), expulsado con dobre cartón amarelo.

-Alberto Mata, (SD Castríz), expulsado con dobre cartón amarelo.

 

Email de aludidos : admin@piratasdemuxia.es

www.piratasdemuxia.es non se fai responsable das manifestacións que son da persoa que emite o texto.

-Foto : Dulce Corcu

-Cadro Sancións : RFGF-piratasdemuxia.es

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.