O VTM Pinturas Figueiras debutou con vitoria na Terceira Nacional, mentres que o Vimianzo TM tamén sumou os dous puntos na Segunda Galega.
O Vimianzo Tenis de Mesa comezou a pasada fin de semana a competición nas ligas de Terceira Nacional e Segunda Galega cun dobre triunfo dos seus equipos. O VTM Pinturas Figueiras estreouse na categoría nacional cunha vitoria ante o CTM Lalín (4-2), mentres que o Vimianzo TM impúxose a domicilio ao SSG Sin Gluten de Narón por un claro 1-4.
Estrea con vitoria do VTM Pinturas Figueiras
O sábado, o VTM Pinturas Figueiras debutaba na Terceira Nacional xogando na casa e facíao da mellor maneira posible, cunha vitoria por 4-2 fronte ao CTM Lalín.
O conxunto vimiances comezou dominando o encontro e chegou a situarse cun contundente 3-0 no marcador. Porén, os visitantes reaccionaron e conseguiron reducir a diferenza ata o 3-2, poñendo emoción ao tramo final do partido. Finalmente, o equipo Terra de Someira soubo pechar o encontro e sumar o cuarto punto para establecer o definitivo 4-2. O VTM Pinturas Figueiras estivo representado por Julio, Nico, Roi e Paco.
O Vimianzo TM impónse en Narón
Pola súa banda, o domingo foi a quenda do Vimianzo TM, (na foto a esquerda), que viaxou ata Narón para medirse ao SSG Sin Gluten, un dos equipos vinculados ao Tenis de Mesa Cidade de Narón, club recoñecido polo seu importante traballo de formación e pola súa canteira no tenis de mesa galego.
O equipo de Vimianzo resolveu o compromiso con solvencia e conseguiu unha vitoria por 1-4, sumando así os primeiros puntos da tempada na Segunda Galega.
Simon, Pablo, Martín e Castro foron os xogadores que defenderon as cores do Vimianzo TM neste primeiro encontro ligueiro.
Próxima xornada
A vindeira fin de semana, o VTM Pinturas Figueiras desprazarase ata Meaño, na provincia de Pontevedra, para enfrontarse ao equipo local do GAM, nun novo compromiso da Terceira Nacional.
Pola súa banda, a Segunda Galega non terá xornada de liga, polo que o Vimianzo TM deberá agardar para volver á competición.
O dobre triunfo inicial supón un excelente comezo de tempada para os equipos do Vimianzo Tenis de Mesa, que arrancan as súas respectivas ligas con boas sensacións e coa confianza tras sumar as primeiras vitorias.
Colaboran co Vimianzo TM : Pinturas e decoracións Figueiras, Benedicto Garden, Maderas y desbroces Muiños Ramos SL e Agrosoneira.
–
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Fotos : Paco Paz/Vimianzo TM
–

