Dobre éxito da Costa da Morte con Coristanco e Muxía no podio na Supercopa de España de Judo en Gran Canaria

Aroa no 2º caixón e Pazos no 3º.

En plena fin de semana grande de festas da Costa da Morte, coa Festa da Pataca de Coristanco e a Romaría da Santiña de Trasufre, (Muxía), como pano de fondo, o xudo galego volveu brilar. A coristanquesa Aroa Blanco e a muxiana Lucía Pazos, compañeiras do Club Judo Bergantiños, subiron ao podio na Supercopa de España de Judo 2025, celebrada este sábado en Gran Canaria.

Lucía Pazos, que debutaba na categoría de -63 kg logo de varios meses apartada polos problemas nun xeonllo, conquistou a pasada semana a medalla de bronce no Campionato de España e repetía hoxe na Supercopa en Gran Canaria. A de Merexo mostrou carácter e determinación dende o inicio, dominando con autoridade os primeiros combates. Só caeu en semifinais ante unha rival madrileña nun duelo marcado pola polémica arbitral. Sen deixar que a derrota a afectase, impúxose con claridade á representante canaria na loita polo bronce, amosando que está preparada para asinar unha gran tempada.

Pola súa banda, a coristanquesa Aroa Blanco que a pasada semana acababa quinta completou unha competición excelente, alcanzando a prata e confirmando o seu bo momento deportivo.

Con estes resultados, o clube bergantiñán regresa do arquipélago con dúas medallas de prestixio: unha prata e un bronce que reafirman o traballo do grupo e o potencial das súas ximnastas.

Como dicía unha copla popular: “Fun á Barca, fun á Santa, fun ás romarías todas”. Pazos non puido acudir nin á Barca nin á Santa, mais levou unha medalla por cada unha delas, e Aroa chega a Festa da Pataca cunha prata.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Fotos : Pedro Pazos