O centrocampista do Dépor, Diego Villares, compareceu esta mañá en rolda de prensa antes do adestramento no Depor Training Center, onde o conxunto branquiazul continúa preparando o encontro deste sábado en Riazor fronte ao Zaragoza (21:00 horas). O xogador destacou o bo momento anímico do equipo tras o triunfo conseguido en Ceuta e amosouse confiado en manter a dinámica positiva diante da afección deportivista.
Villares asegurou que o vestiario afronta a semana con ilusión despois da última vitoria: «O equipo ten moitísimas ganas. Unha semana despois dunha vitoria lévase con máis alegría. Estamos desexando que chegue o sábado para facer os tres puntos na casa».
O futbolista regresou ao once inicial no último encontro e valorou positivamente tanto o seu rendemento como o colectivo nun campo complicado: «Por sorte puidemos, tanto eu como o equipo, facer un bo partido. Era un campo complicado como o do Ceuta. Sabíamos que se nos ían poñer as cousas difíciles, pero co gol de Alti puidemos traer a vitoria».
O Dépor suma xa dous triunfos esta tempada nos minutos finais, algo que, segundo Villares, responde á insistencia do grupo ata o último intre: «O equipo segue intentándoo ata o final, non se rende en ningún momento e segue buscando a portería rival. Tanto o ton físico como a crenza ata os minutos que pite o árbitro dannos puntos ao final».
Sobre o próximo rival, advertiu do potencial do Zaragoza, que chega a Riazor nun bo momento tras vencer ao Almería: «Vémolo perfectamente. Se ves o cadro de xogadores, un por un, teñen un equipazo. Veñen de gañarlle ao Almería. Agora, co pouco que queda, todos os equipos queren sacar os máximos puntos posibles para lograr o seu obxectivo».
Durante a comparecencia tamén tivo palabras de ánimo para o seu compañeiro David Mella, que terá que pasar polo quirófano: «Unha mensaxe de cariño e apoio para David, querémolo moitísimo. Vai volver moito máis forte. Axudalo nestes momentos difíciles é o que toca; nunca é doado para un xogador pasar por unha lesión deste tipo».
Outro dos nomes propios foi Yeremay, que xa regresou parcialmente ao traballo co grupo: «Xa puido facer un pouco máis. A medida que pasa a semana vai incorporándose máis á dinámica. Estamos desexando telo de volta».
Por último, Villares fixo un chamamento á afección deportivista de cara ao tramo decisivo da tempada, con doce xornadas por diante (sete delas en Riazor) : «Que nos apoien como o están facendo, como o outro día e como en partidos anteriores. Quédannos 12 finais, 7 na casa, e necesitamos o apoio da xente, que é o máis importante para nós».
.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo