DIEGO VILLARES : “Puidemos ver xa cousas como a saída de balón ou como defendemos en bloque baixo”.

Villares reivindica a ambición dun Dépor renovado e con ganas de máis

O Deportivo comezou a pretempada cunha goleada contundente ante o Compostela (0-5), e o capitán Diego Villares aproveitou para lanzar unha mensaxe clara: “este equipo vai por todas”.

O xogador de Samarugo mostrouse ilusionado coa nova etapa baixo a dirección de Antonio Hidalgo e fixo fincapé no traballo e a ambición como sinais de identidade do vestiario.

“É o momento de dar un paso adiante e estamos todos centrados niso. Temos que ser ambiciosos sempre, como xa o fomos o ano pasado”, apuntou Villares, convencido de que o Dépor ten a obriga de aspirar ao máximo.

A continuidade de Yeremay, unha das perlas da canteira, tamén foi motivo de satisfacción:

“Que se quede Yeremay é unha alegría para todos. Ademais, están chegando xogadores de moita calidade que nos van axudar ao longo de toda a tempada”.

Un Dépor con identidade e variantes

Villares destacou o estilo que o novo adestrador quere imprimir no equipo. A saída de balón coidada e a versatilidade táctica están entre as claves deste novo Dépor:

“Puidemos ver xa cousas como a saída de balón ou como defendemos en bloque baixo. Estamos traballando nun sistema con tres centrais, e pouco a pouco iremos collendo todo o que o míster nos queira transmitir”.

O centrocampista valora positivamente a aposta pola flexibilidade:

“O adestrador quere ter a opción de cambiar tanto o sistema como os xogadores. Iso sempre é bo para o equipo”.

Un rol máis centrado no medio

No aspecto persoal, Villares comentou que está tendo un papel máis definido como pivote:

“Estou xogando un pouco máis de 6, como pivote único, aínda que tamén compartindo posición con Rubén. Todo depende do que se queira buscar en cada partido e do rival que teñamos diante”.

Rodaxe, competencia e novas caras

O encontro ante o Compostela foi tamén unha oportunidade para coller ritmo competitivo:

“Partidos como este serven para coller minutos a boa intensidade e coñecer mellor os novos compañeiros. É unha continuidade do traballo que facemos nos adestramentos”.

A competencia dentro do cadro tamén foi un tema abordado polo capitán:

“Somos moitos e iso esixe un esforzo extra desde dentro, pero é positivo sempre que se xestione ben. Estou contento de ter tantos compañeiros que poidan achegar”.

Finalmente, referiuse brevemente á primeira participación de Alloh:

“Entrenou onte e hoxe xogou a primeira parte. Nos próximos días veremos máis del”.

Este mércores Depor e Deportivo ABANCA golearon

Tanto o Depor coma o Deportivo ABANCA, (0-4 o Braga), golearon nos seus amigables de adestramento, esto non quer dicir nada pero sempre gusta ver cousas e que os teus equipos gañes. AQUÍ tes a nosa crónica de ambos encontros.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto : Captura vídeo