Diego Villares, “O mago de Samarugo”, (Samarugo-Vilalba, 17/06/1996), seguirá vestindo a camiseta do Depor ata o verán de 2028, como mínimo. O club deportivista confirmou a ampliación do vínculo cun dos futbolistas máis identificados co proxecto branquiazul dos últimos anos, o home que xogou de todo e que sempre é o remedio a tódolos males.
O centrocampista de Samarugo chegou a Abegondo no curso 2018-19 para reforzar o Fabril tras destacar no Racing Vilalbés. A base de traballo e constancia foi gañando protagonismo ata dar o salto ao primeiro equipo, onde se converteu nunha peza fundamental nun dos períodos máis esixentes da historia recente da entidade, a da “Terceira da merda”.
Desde a súa incorporación ao cadro branquiazul, Villares participou activamente no proceso de crecemento do Deportivo, acompañando ao equipo no seu camiño de regreso ao fútbol profesional. Co paso das tempadas, consolidouse como un dos líderes do vestiario e nun dos xogadores máis queridos pola afección.
Os seus números avalan a súa traxectoria: acumula 203 encontros oficiais, 15 goles e 7 asistencias. Por iso, a súa importancia vai máis alá das estatísticas, destacando polo seu carácter competitivo, a súa entrega e a súa identificación cos valores do club.
A renovación representa a continuidade dun futbolista formado na cultura do esforzo e que, desde a súa chegada a Abegondo, foi medrando da man do Depor ata converterse nun dos grandes referentes do deportivismo actual, sendo ademáis un dos nosos galego-parlantes.
Villares súmase así a renovación do meta Germán Parreño e o club traballa no aumento de contrato de Mario Soriano e Nsongo Bil.
.
-Fotomontaxe e texto : Xosá Búa “Pirata“