Yeremay tivo unha gran ocasión.
Watford 1-0 Depor
Primeira derrota da pretempada para o Dépor, que non culminou as ocasións tralo gol local.
O Deportivo estreouse na súa mini xira inglesa cun amigable ante o Watford, cunha ampla presenza de seareiros deportivistas no estadio repartidos por todo o campo, destacando unha zona con uns 150 animosos seguidores que fixeron soar os seus cánticos durante todo o encontro.
Primeira metade: Intres de bo xogo e ocasións para o Dépor
O equipo branquiazul fíxose pouco a pouco co control do xogo tras uns primeiros minutos onde o Watford tentou dominar. A primeira ocasión clara chegou por medio de Charlie Patiño tras unha boa xogada entre Villares e este. Pouco despois, Villares tamén probou fortuna, e Chouri tivo outra boa oportunidade tras unha parede con Luismi que se foi lambendo o pau e acabou en córner.
No minuto 20, tras unha perda de Yeremay en posible falta, o Watford aproveitou un contraataque en superioridade (3 contra 2) que rematou con Grieves superando a Helton Leite por baixo. Xa tralo gol, Yeremay pediu penalti tras unha internada pola dereita.
A partir da media hora, o ritmo baixou tras unha longa pausa por unha lesión local. A pesar diso, o Dépor volveu dominar e tivo boas ocasións, incluída unha de Chouri a centro de Patiño e outra de Luismi ao borde do descanso, cun potente disparo que o porteiro local desviou a córner.
O árbitro, de criterio moi caseiro, non engadiu apenas tempo malia as interrupcións.
Segunda metade: menos fútbol, máis trocos
O Dépor saíu ben tralo descanso cunha boa acción e remate de Chouri, que da nun defensa e perde forza. Pouco despois, Patiño asistiu maxistralmente antre liñas a Yeremay, que quedou só ante o porteiro pero non definiu ben, intentando un regate que foi desbaratado polo meta inglés.
A partir da hora de xogo, comezou un carrusel de trocos en ambos equipos, o que fixo que o encontro perdese ritmo e precisión. O Watford xerou perigo principalmente por bandas, e a súa mellor ocasión foi un disparo raso de Engakia que se perdeu moi preto do pau.
Nos minutos finais, moitas perdas e imprecisións. Sorprendeu que o colexiado non engadise tempo malia a vintena de trocos realizados, repetindo a sua actitude da primeira metade.
Debut e aliñacións
Destacou o debut do lateral esquerdo Giacomo Quagliata, que chegou ese mesmo día a Londres e disputou os últimos 30 minutos. Tamén estivo presente no banquillo a derradeira fichaxe José Gragera, pero neste caso non saltou o campo.
-
Primeira metade: Helton; Samu, Luismi Cruz, Yeremay, Chacón, Villares, Patiño, Barcia, Escudero, Noubi, e Chouri.
-
Segunda metade: Helton; Samu (Damian 76′), Patiño (Genrau 76′), Arnau Comas, Mella, Rubén, Quagliata, Cristian Herrera, Bouldini, Mario Soriano, e Petxa, (tódolos trocos no 61´agás os sinalados).
-
En resumo, encontro para seguir collendo pernas e xa contra un rival máis potente e pensar xa no sábado ás 16:00 horas, (15:00 GMT) ante o Middlesbrought.
-
-PRETEMPADA DEPOR 2025/26-
Deportivo 3-2 Famalicão (Yeremay (p), Luismi e Herrera)
-
SD Compostela 0-5 Deportivo: Chouri, (2), Bouldini, Rubén López e Crístian Herrera.
-
Ourense CF 0-2 Deportivo: (Chouri e Yeremay).
-
Watford 1-0 Deportivo
-
Middlesbrough-Deportivo: sábado 2 de agosto, ás 16:00 horas, (hora galega), en Riverside Stadium. (en directo en YouTube do RC Deportivo).
-
Deportivo-Real Oviedo: mércores 6 de agosto, ás 19:00 horas, no Estadio Pepe Barrera.
- Deportivo-Le Havre AC: “LXXX Teresa Herrera”; Sábado 9 Agosto a partires das 20:00 horas.
-Foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”