A 9ª xornada da Preferente Norte deixou un balance desigual para os dous representantes da Costa da Morte: o CF Dumbría sumou tres puntos de ouro a domicilio e continúa escalando, mentres que a SD Sofán caeu no Carral fronte a un rival directo na loita pola zona alta, perdendo unha boa oportunidade de consolidarse en postos de promoción, nos que aguanta.
Puebla CF 1-3 CF Dumbría
O CF Dumbría comezou o encontro golpeando cedo, cun penalti convertido por Diego Estévez aos 5 minutos (0-1). O Puebla reaccionou e logrou empatar por medio de Piñeiro no 23’ (1-1), pero na segunda metade o conxunto de Pablo Conde asumiu o control e decantou o partido, primeiro co 1-2 de Diego Estévez no 67’, completando o seu dobrete e chegando aos 5 goles nesta liga, e despois coa estocada final de Mario Insua no 76’ (1-3). A vitoria permite aos dumbrieses subir ata a 10ª posición con 12 puntos, os mesmos que o 9º (Betanzos) e a só 4 do play-off.
Goles: 0-1 Diego Estévez (5’ p.); 1-1 Piñeiro (23’); 1-2 Diego Estévez (67’); 1-3 Mario Insua (76’)
Vindeira xornada:
CF Dumbría – Cultural Maniños (16º)
SD Sofán 1-2 San Tirso SD
O Sofán viu freada a súa boa dinámica tras tres xornadas puntuando. O San Tirso adiantouse na primeira metade por medio de Denís López no 21’ (0-1), pero os de Pablo Torreira atoparon o empate na reanudación cun gol de Iván Pardo no 59’ (1-1). A alegría durou pouco, pois só seis minutos despois Carlos Díaz fixo o 1-2 no 65’, resultado que xa non se movería. A pesares da derrota os sofanistas mantéñense en posto de promoción (5º) con 16 puntos, a só 1 do CD Lalín (4º) e a 2 do propio San Tirso (3º).
Goles: 0-1 Denís López (21’); 1-1 Iván Pardo (59’); 1-2 Carlos Díaz (65’)
Vindeira xornada:
SD Pol (14º) – SD Sofán
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”