DERROTA AMARGA NO DEBUT NA CASA DO DEPORTIVO FEMININO QUE ATA ERROU UN PENALTI.

O Deportivo Feminino pagou caros os erros defensivos.

 

Deportivo Feminino 0-2 Real Sociedad

O Dépor ABANCA non puido coa Real Sociedad na súa estrea ligueira desta temporada na Cidade Deportiva de Abegondo, nun partido que se lle escapou ás rapazas de Manu Sánchez nunha primeira metade na que as donostiarras plasmaron no marcador o seu mellor xogo.

O técnico branquiazul cambiou dúas pezas con respecto ao debut ligueiro da pasada fin de semana en Lezama. Noe Bermúdez entrou na portería por Sullastres, mentres que Kenni Thompson substituíu a Noelia Villegas no lateral esquerdo.

A presión alta da Real Sociedad puxo en moitos aprietos ás branquiazuis na primeira metade. O equipo de Natalia Arroyo roubou infinidade de balóns en campo deportivista, o que lle concedeu numerosas oportunidades de ver portería.

Con todo, foi a balón parado como abriu o marcador o conxunto vasco, nunha cabezada da central Tejada á saída dun córner. Até entón, Noe Bermúdez estivera providencial ao sacar co pé dereito un remate de socato da finlandesa Sanni Franssi, mentres que a lateral dereita Lucía rematara excesivamente cruzado. Por parte deportivista, Gaby cabeceou frouxo e desviado unha falta botada por Lady Andrade.

Manu Sánchez substituíu á debutante Kenni Thompson á media hora, para dar entrada a Noelia Villegas. A Real deu un paso atrás, e o Deportivo ABANCA sacudiuse a presión nos minutos finais do primeiro tempo. En primeiro lugar, Stephannie Blanco estrelou no traveseiro un tremendo canonazo nun libre directo desde practicamente o círculo central. Acto seguido, Alba Merino roubou o balón en tres cuartos de campo pero desde a media lúa disparou demasiado alto. O Dépor ABANCA desperdiciou as súas ocasións de empatar e unha das leis do fútbol volvéuselle en contra, pois pouco antes do intermedio Bárbara facía o 0-2, batendo a Noe Bermúdez no man a man.

O panorama cambiou na segunda metade en favor dun Deportivo ABANCA máis entoado. As branquiazuis equilibraron os duelos en mediocampo, comezaron a gañar pelotas divididas e a recuperar balóns na metade contraria do terreo de xogo. Athenea tivo o 1-2 nunha cabezada a centro desde da esquerda, pero o remate saíulle frouxo e centrado, a mans de Mariasun Quiñones. Nas mans de Quiñones tamén acabou a gran ocasión do Dépor ABANCA, un penalti cometido sobre Athenea e que Peke tentou transformar pero topouse coa gran intervención da gardameta internacional.

O Dépor ABANCA xa mandaba no partido, e aínda o fixo máis co triplo cambio que Manu Sánchez realizou a pouco máis de 20 minutos da conclusión. O técnico deportivista modificou o seu esquema para pasar a xogar con Alba Merino no eixo da medular, acompañada por Lía e Kika, e con tres xogadoras en punta: Peke polo centro e Athenea e Michelle Romero intercambiándose nos extremos.

Pese ao dominio do conxunto herculino, que pisou a área donostiarra en infinidade de ocasións, non chegaron a producirse remates que puxesen en apertos á gardameta visitante. Con todo, a Real Sociedad si que puido redondear o resultado nun contragolpe que desbaratou Noe Bermúdez. Amaiur plantouse ante a porteira costarriqueña, que desviou o xusto o disparo. O balón golpeou o exterior do pau esquerdo e foise a saque de esquina.

Deportivo ABANCA: Noe Bermúdez, Cris, Bedoya, Blanco, Kenni Thompson (Noelia Villegas, min. 30), Iris (Michelle Romero, min. 68), Alba Merino, Lady Andrade (Lía, min. 68), Gaby (Kika, min. 68), Peke e Athenea.

Real Sociedad: Quiñones, Lucía, Nuria Mendoza, Tejada, Nuria Rábano, Maitane (Itxaso, min. 63), Leire Baños, Bárbara (Cecilia Marcos, min. 85), Gemma (Palacios, min. 63), Nerea Eizagirre (Manu, min. 85) e Franssi (Amaiur, min. 72).

Goles: 0-1 Tejada (min. 15); 0-2 Bárbara (min. 42).

Árbitra: Verónica González Sánchez (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Leire Baños (min. 30), Nerea Eizagirre (min. 35) e Maitane (min. 45).

Incidencias: partido da 2ª xornada da Primera Iberdrola disputado a porta pechada na Cidade Deportiva de Abegondo.

 

ROLDA DE PRENSA

Manu Sánchez

Manu Sánchez recoñeceu en rolda de prensa que “está claro que non é o inicio esperado. A competición creceu moito. Simplemente hai que botar unha ollada aos resultados destas dúas primeiras xornadas. Todo se igualou moito, todo é moito máis competido, moito máis emocionante”.

O técnico do Deportivo ABANCA apunta que as dúas derrotas, ante Athletic Club e Real Sociedad, “teñen lecturas distintas. O cadro está tranquilo. Xa o falamos. Referencias ao ano pasado non imos facer ningunha. Imos traballar co que temos, co que somos. A seguir e a pensar xa en Barcelona (ante o RCD Espanyol)”.

Do partido ante a Real Sociedad indica que “é a miña responsabilidade. Non axustamos ben os mecanismos defensivos que falaramos esta semana. Nós mesmos propiciamos eses espazos, eses balóns que recibían diante da nosa liña defensiva. E fixéronnos bastante dano”.

Iso si, na segunda metade, “vimos un Deportivo ABANCA máis real, máis ofensivo, máis na procura da portería contraria, sen conceder ao rival. Aínda que arriscamos moito adiantando liñas tivemos nos primeiros 15 minutos da segunda parte ocasións para empatar o partido. Ao final non puido ser. Temos que seguir traballando, axustando máis cousas. Hai moita xogadora nova. Estas cousas de verdade trabállanse neste tipo de partidos. É onde se ve o nivel destas futbolistas”.

Ademais, Manu Sánchez recalcou que todos no vestiario “estamos tristes por non poder contar coa nosa xente”, ao ser o partido a porta pechada. “Era un compoñente máis deste equipo. Nos momentos importantes a bancada de Abegondo sempre ten unha resposta á altura da situación”.

No entanto, indica que esa falta de #anosaforza “non pode ser unha escusa. Pódese notar o ánimo, esa forma de presionar ao rival pero non pode ser unha escusa ao sucedido no campo. Levamos unha derrota e hai que traballar máis, hai que pensar no que podamos arranxar. Esperar que pronto podamos ver a afeccionados deportivistas nas bancadas de Abegondo porque para nós é fundamental”.

 

-Foto e Crónica : RC Deportivo


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies