Derradeiros días para anotarse no “Campus Fisober 26” que se desenrolará durante a Semana Santa en Dumbría

O club costeiro Fisober FSF volverá apostar polo deporte base nesta Semana Santa coa celebración dunha nova edición do Campus Fisober 26’, unha actividade dirixida á formación e diversión dos máis novos a través do fútbol sala, cos mesmos monitores e instalacións do que fixeran polo verán que acadou un gran éxito de participación e de complacencia cos participantes.

O campus desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no Pavillón O Conco de Dumbría, converténdose nunha alternativa deportiva e educativa para as vacacións escolares.

A actividade está destinada a nenos e nenas nacidos entre os anos 2011 e 2022 (incluídos), que poderán gozar de xornadas cheas de adestramentos, xogos e actividades relacionadas co fútbol sala, sempre nun ambiente lúdico e formativo promovido polo club.

O prezo de inscrición será de 35 euros polos tres días, unha proposta accesible coa que o Fisober busca fomentar hábitos saudables, compañeirismo e valores deportivos entre a rapazada da comarca.

Desde a entidade destacan que o campus pretende seguir fortalecendo a base do club e ofrecer unha experiencia deportiva durante a Semana Santa, combinando aprendizaxe e diversión nun entorno seguro.

Para resolver dúbidas ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden contactar cos organizadores a través dos teléfonos habilitados polo club.

ENLACE PARA INSCRICIÓNS : PREME AQUÍ

Con iniciativas como esta, o Fisober FSF continúa reforzando o seu compromiso coa promoción do deporte base na Costa da Morte e coa formación das futuras xeracións de xogadores e xogadoras.

.

-Información e cartel : Fisober FSF

-Texto . Xosé Búa “Pirata”