A Arliña terá fútbol todo o día.
A amizade e a rivalidade deportiva da Ría ten tres citas especias este domingo 17 de agosto no Municipal da Arliña (Muxía), onde o CF Muxía e o Camariñas FC vivirán unha auténtica festa do fútbol con tres enfrontamentos de distintas categorías.
A xornada comezará pola mañá, ás 11:30 horas, co duelo dos infantís, continuará pola tarde, ás 17:00 horas, co partido dos cadetes, e pecharase cun prato forte : o enfrontamento dos equipos senior ás 19:00 horas.
Será unha boa ocasión para que xogadores, familias e afeccións gocen do ambiente de derbi, que sempre deixa emoción, deportividade e moita cor nas bancadas.
Rivalidade tamén na Primeira Futgal G2
Este curso non só se verán as caras neste amistoso : na vindeira tempada da Primeira Galicia Futgal G2, Muxía e Camariñas serán rivais diretos. O primeiro derbi oficial disputarase na 4ª xornada, o 29 de setembro, no Municipal da Arliña, mentres que a volta no Vicente Carril (Camariñas) está marcada para a 21ª xornada, na fin de semana do 8 de febreiro.
Con estes antecedentes, cada enfrontamento cobra un sabor especial. Os dous conxuntos buscan seguir medrando, consolidando os seus proxectos deportivos e mantendo viva a tradición futbolística da Costa da Morte.
Un domingo para marcar no calendario
En definitiva, este domingo en Muxía agarda unha xornada de convivencia, amizade e rivalidade sa, coa canteira e os equipos senior como protagonistas. Un derbi da Ría sempre é moito máis ca un partido, é un encontro de familias, veciños e amigos que comparten paixón polo fútbol.
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”