DEPORTIVO FEMININO 7-2 VALENCIA CF : “NOITE MÁXICA, DÍA HISTÓRICO EN RIAZOR”

 

Deportivo ABANCA 7-2 Valanecia CF

O Deportivo ABANCA liquidou a súa estrea na Copa da Raíña cunha contundente vitoria sobre o Valencia CF Feminino, no histórico debut oficial do equipo no Estadio ABANCA-RIAZOR, onde acudiron preto de 8.000 deportivistas pese ao desapracible día.

A principal novidade no once deportivista foi o debut da colombiana Lorena Bedoya, que formou parella no centro da defensa con María Méndez.

O encontro comezou da mellor maneira posible, posto que no primeiro disparo a porta do Dépor ABANCA, aos 5 minutos, chegou o 1-0. Unha internada pola dereita de Peke a remachaba Athenea ao fondo das mallas. A cántabra adiantouse no primeiro pau ás defensoras visitantes para colocar a pelota lonxe do alcance de María Pi.

Pouco antes do minuto 10, Sullastres viuse obrigada a saír fóra da área para frear un man a man de Mari Paz, no que foi o primeiro achegamento perigoso do equipo valenciano. Ao cuarto de hora, as branquiazuis ampliaron a súa vantaxe por medio de Peke, que recortou con serenidade a Van den Berg despois dun fenomenal pase en profundidade de Athenea. A dianteira vasca definiu con aínda máis tranquilidade para bater a María Pi.

Con todo, a ampla vantaxe deportivista reduciuse só tres minutos máis tarde. Guerrero bateu a pelacorpo a Sullastres, ao aproveitarse dunha imprecisión na saída do balón da defensa coruñesa.

A piques de cumprirse a media hora, Sullastres evitou o empate. Van den Berg soltou un tremendo zurdazo nun libre directo moi próximo á liña de fondo, na dereita do ataque valencianista. A porteira deportivista sacou os seus puños para despexar a córner.

Perdeu o Valencia a súa gran oportunidade de empatar a contenda e inmediatamente ampliou distancias o Deportivo ABANCA. No minuto 32, Athenea encarou a Calligaris no extremo esquerdo do ataque herculino, antes de soltar un duro centro-chute que en primeira instancia cortou Van den Berg. A holandesa deixou o balón morto ao bordo da área pequena, onde Peke revolveuse antes que ninguén para meter a punta da bota e bater a María Pi.

Coa clara e merecida vitoria do Dépor ABANCA por 3-1 chegouse ao intermedio. Pero o Valencia volveu ver portería nada máis regresar dos vestiarios. Foi no minuto 48 cando Mari Paz cabeceou, completamente soa no segundo pau, un centro de Calligaris desde a dereita.

O Dépor ABANCA respondeu con celeridade, nun avance pola esquerda con centro ao corazón da área, onde Peke non chegou a impactar co coiro por milímetros. E no minuto 59, as branquiazuis volveron abrir brecha no marcador, nunha xogada calcada á do 1-0, pero na que se investiron os papeis. Esta vez Athenea desbordou pola dereita e Peke adiantouse no primeiro pau ás defensas valencianistas para poñer o 4-2 cun imparable remate por alto.

Recentemente superada a hora de xogo, María Méndez despexou milagrosamente a córner un pase da morte de Calligaris que buscaba a Mari Paz. A central asturiana lanzouse ao chan con todo para estrelar o balón contra a parte superior do traveseiro.

Foi o canto do cisne do equipo levantino, que pasou de acariñar o 4-3 a encaixar o 5-2. Foi nunha nova acción de Athenea que completou Peke no seu segundo remate a portería, despois do rexeite da defensa no primeiro. Corría o minuto 71.

Desde aquel momento, a cada oportunidade fallada pola Valencia seguiulle un novo gol deportivista. Sullastres detivo un remate de socato de Carol despois dun novo centro de Calligaris, acción á que seguiu o 6-2. O tanto foi obra de Teresa Abelleira, após unha brillante acción individual, no minuto 82.

Pouco despois, Mari Paz non foi capaz de definir un man a man coa porteira branquiazul, que atrapou o balón. E xa no tempo engadido, María Méndez converteu no sétimo gol outra nova acción de todas as atacantes deportivistas, con especial mención para Maya Yamamoto.

Deste xeito, o equipo branquiazul estará no sorteo dos cuartos de final, eliminatoria que tamén se disputará a partido único. Hoxe martes tamén lograron o seu pase a esta rolda CD Tacón, EDF Logroño, Athletic Club e Sevilla FC.

 

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Bedoya, Nuria (Noelia Villegas, min. 75), Teresa Abelleira (Kika, min. 87), Iris (Arbeláez, min. 87), Alba Merino (Maya, min. 69), Gaby, Peke e Athenea.

Valencia CF Feminino: María Pi, Calligaris (Beristain, min. 79), Pujadas, Van den Berg, Bea Beltrán, Guerrero (Asun, min. 68), Gaitán, Sandra, Bonsegundo (Goeieman, min. 54), Mari Paz e Carol.

Goles: 1-0 Athenea (min. 5); 2-0 Peke (min. 15); 2-1 Guerrero (min. 18); 3-1 Peke (min. 32); 3-2 Mari Paz (min. 48); 4-2 Peke (min. 59); 5-2 Peke (min. 71); 6-2 Teresa Abelleira (min. 82), 7-2 María Méndez (min. 90+3).

Árbitra: Acevedo Dudley (c. catalán). Cartón amarelo a Nuria (min. 29), Calligaris (min. 41) e Pujadas (min. 56).

Incidencias: partido dos oitavos de final da Copa da Raíña disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 7.569 espectadores.

 

RESUMO

 

 

ROLDA DE PRENSA DE MANU SÁNCHEZ

 

 

PEKE EN ZONA MIXTA

 

 

-Crónica, videos das roldas e foto de rcdeportivo.es

-Vídeo-resumo : Guaji8

 

Nos nosos “Vídeos Recomendados” abaixo de todo na portada da web tes ao instante tódolos vídeos que colga o RC Deportivo no seu canle de YouTube, incluso antes de falemos deles como noticia.

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies